O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) instou á Xunta a rectificar e apostar por outro modelo que potencie a gandaría extensiva e sostible e impida situacións de “contaminación” de terras e augas por estercos e puríns procedentes de “granxas intensivas de porcino e aves” como acontece na comarca da Limia. A iniciativa para poñer en marcha un plan urxente co fin de recuperar as augas e terras afectadas foi rexeitada polo Partido popular.
Na súa intervención, o deputado explicou que o BNG xa advertiu, hai tempo, da grande dependencia do sistema produtivo galego da produción doutros países, que situou no 85% das materias primas para pensos (concentrados) para alimentar o gando e lembrou que “o noso país conta cunha Superficie Agraria Útil (SAU) do 21% fronte ao 40% de España e a media europea” que fai factible un cambio de modelo.
Nesta liña, recalcou que urxe establecer, de inmediato,” unha moratoria de novas explotacións gandeiras intensivas de porcino” e frear a ampliación das existentes e reclamou deseñar proxectos de compostaxe na xestión dos xurros para o seu aproveitamento como fertilizantes que substitúan os abonos de síntese naqueles lugares onde exista un excesivo número de explotacións gandeiras intensivas.
Mini tamén preguntou que foi das hectáreas cerealistas galegas que facían posible da gandaría unha actividade sostible.
O nacionalista cualificou de “errática” a xestión da consellería de Medio Rural e aludiu ás declaracións do propio conselleiro sobre a inversión compartida entre Xunta e Estado para potenciar de “maneira sostible” o sector agrario da comarca, cando en realidade dos 36M€ son destinados 4 e aínda así, dixo, “seguen sacando peito”.
Ademais, criticou que as propostas da Mesa da Limia, do 4 de outubro do 2019, “quedaran en fume” como o Plan estratéxico Agrario para a Limia, un Plan de formación Agrogandeiro, ou sobre o anteproxecto de lei de Xestión de xurros e estercos. O deputado incidiu na gravidade da contaminación das terras e augas da comarca de Limia que representan a ameaza real de chegar a ser declarada “zona vulnerable por saturación de nitratos e fosfatos”.
Por outro lado, o parlamentario do BNG tamén defendeu instar ao goberno do Estado a axilizar a modernización do Regadío da Limia coas “partidas orzamentarias necesarias”.
Tras a intervención do portavoz popular , Elena Candia que presentou unha emenda á moción do BNG, o deputado nacionalista rexeitou a proposta afirmando que non aportaba ningunha mellora ao texto nacionalista nin se comprometía co sector. Nós dixo, “chamamos fume a todo o que leva o vento e todo o consensuado na Mesa da Limia, levouno o vento”. Mini negou que o problema sexa exclusivamente do regadía, pozos e canles, como afirmou a deputada do PP, o verdadeiro problema, reiterou, é “a contaminación por nitratos e fosfatos”. Ademais, propuxo instar ao goberno do Estado a que axilice a Modernización do Regadío da Limia e execute as partidas destinadas para tal fin.
Xosé Luís Rivas concluíu demandando un programa de apoio á gandaría extensiva na comarca da Limia de vacún de carne, ovino e cabrún para a recuperación de 10.000 has en cinco anos, medida que tamén foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular, ao igual que o resto de medidas recollidas na moción do BNG.