O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, diríxese ao Ministerio de Educación nunha pregunta e nunha proposición non de lei para demandar que conceda as bolsas e axudas ao estudo ao alumnado con diagnose de TDAH.
“Non hai razón para esta discriminación”
Censura Rego a actitude do Ministerio que está a denegar as bolsas a estudantes con estes problemas por non acreditar unha discapacidade de, cando menos, 33% cando “o Real Decreto 471/2021 é claro e estabelece no artigo 7.1.a) que se inclúe nas axudas ao “alumnado con necesidade específica de apoio educativo derivada de discapacidade ou trastorno grave da conducta”.
Ademais, subliña, o propio Tribunal Supremo acaba de estabelecer en varias sentenzas deste ano que “a eliminación da mención expresa do TDAH na lei de Educación non significa a supresión deste trastorno de entre as causas determinantes das necesidades educativas especiais, nin en consecuencia, do acceso do alumnado que o padece das axudas públicas”.
O Ministerio debe garantir a igualdade e o acceso universal
Razón pola que o BNG insta ao Executivo a acatar as sentenzas do Tribunal Supremo que en base á lei considera suficiente a acreditación de TDAH diagnosticado para o acceso ás bolsas aínda que non supoña, ou non se teña concedido unha discapacidade por esa causa.
Para Rego “deixar fóra das axudas do Ministerio a este colectivo de estudantes supón unha manifesta discriminación e deixa nunha situación de risco social e educativo aos menores máis desfavorecidos economicamente”.
Ademais, os pais e nais afectadas denuncian existen criterios diferentes de concesión segundo a Delegación que resolve as peticións, sendo a galega unha das que precisamente está conculcando a legalidade e denegando as axudas en base a unha interpretación sen fundamento legal, pero que non acontece igual en outras sedes.
O BNG reclama ao Ministerio que rectifique e revise as axudas que foron denegadas para este curso 2023-2024 baixo un argumento que vulnera o principio de igualdade e o acceso universal á educación. O deputado do BNG pide ao Ministerio que dea as instrucións precisas para que nas seguintes convocatorias de bolsas non se exclúa ao alumnado con TDAH e que deixe de exixir nestes casos a acreditación dunha discapacidade mínima de 33%.