O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra no Congreso unha iniciativa para que se recoñeza o dereito a indemnización na finalización dos contratos predoutorais. A formación nacionalista quere que sexa modificada a normativa que regula as condicións do persoal investigador en formación.
A finais de 2020, o Tribunal Supremo anulaba a resolución do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que obrigaba a USC a restituír o dereito a indemnización por extinción de contrato, arrebatado ao colectivo en 2016. A ambigüidade das dúas leis aprobadas no Congreso púñase en contra da parte máis débil, neste caso, negando un dereito laboral básico recollido no Estatuto dos Traballadores.
Por este motivo, o BNG defenderá na Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades unha Proposición Non de Lei en que se insta o Goberno a modificar a “Lei da Ciencia” e o “Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en formación” para mellorar as condicións de traballo do colectivo. A formación nacionalista lembra que, en ambos os textos lexislativos, o dereito á indemnización do persoal investigador foi unha das cuestións cruciais que ficou fóra, o que supón un maltrato continuo ao sector que reclama saír da precarización actual.
A iniciativa presentada pola formación nacionalista ten como obxectivo recoñecer o dereito a indemnización por finalización dos contratos predoutorais. “Deben ter unha duración determinada, con dedicación a tempo completo, baixo a modalidade de contrato por obra ou servizo que xa están previsto dentro do Estatuto dos Traballadores” indica Rego, explicando unha das características que recolle na iniciativa. Así mesmo, tamén clarifica que as prórrogas de cada contrato deberá ter “carácter automático sempre que a avaliación for positiva”.
“O labor de investigación que realiza o persoal predoutoral é fundamental, pois está contribuíndo para incrementar o coñecemento; un coñecemento que se está transmitindo, valorizando e rendibilizando por parte das universidades e repercute directamente na mellora e o avance da sociedade” afirma o deputado nacionalista, que entende que é preciso pór fin ás condicións de precariedade en que están a desenvolver o seu traballo.