A portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira, a través dunha proposición non de lei, instou á Xunta a facer públicas, con carácter inmediato, a totalidade das listas de espera do sistema público de saúde, estruturais e non estruturais, incorporar ás listas de espera estruturais a todas as pacientes que foran eliminadas das mesmas, remitir ao Parlamento, no prazo máximo de dous meses, un informe co resultado do “Programa de intensificación en 2023 para reducir os tempos de espera” anunciado no Consello da Xunta o 12 de xaneiro de 2023, recollendo orzamento investido, persoal contratado, cirurxías, probas diagnósticas e consultas realizadas e eliminar a práctica de non adxudicar as citas no momento de seren solicitadas.
A nacionalista criticou que, unha vez máis, o PP votara en contra de facer públicas as listas de espera requiridas polo BNG e acusou ao goberno de “presumir de transparencia” cando en realidade négase a practicala.
Neste sentido, afirmou que o goberno presume de transparencia, pero mantén “os datos ocultos” e négase a revelalos. Presumen de transparencia non proporcionan a este parlamento a información que se lle require. Presumen de transparencia cando, atendendo a ese requirimento, mandan ou dan oralmente respostas que non se cinguen ás preguntas formuladas. Presumen de transparencia cando vulneran o artigo 9 do regulamento desta cámara e non envían a información que as deputadas solicitamos para facermos o noso traballo e o máis grave é que presumen de transparencia incluso “mentres votan en contra de dar información”.
A deputada do BNG recalcou que o Partido popular oculta os datos solicitados para non invalidar os miles de euros investidos en “propaganda”.
Longas listas de espera nos hospitais con máis dun ano de demora
Neste ámbito, Carreira explicou que os datos máis recentes do Sergas do 31 de decembro de 2022 reflicten unha lista de espera cirúrxica con 46.161 persoas das cales 161 levan máis de 12 meses nesa situación, e 88 pendentes dunha operación de traumatoloxía no CHUAC.
Por outra parte, a Lista de espera de consultas hospitalarias acolle a 215.620 persoas pendentes dunha primeira consulta hospitalaria, das que 1.954 teñen máis de 12 meses de espera. 1.543 agardando por unha consulta de rehabilitación en Ourense desde un ano antes. Lista de espera de probas complementarias: 117.589 persoas, das cales 3.289 acumulan “máis dun ano nesta lista”, 1.076 agardando máis dun ano por unha endoscopia dixestiva, 519 por unha ecografía musculoesquelética, 395 por unha ecografía abdominal, 310 por unha resonancia magnética e 370 persoas agardando por algún tipo de estudo complementario de alerxias, respiratorio, urolóxico, do sono...
Ante os datos, a deputada preguntou se a Atención Primaria está a funcionar correctamente e pode ser resolutiva ou máis ben “a marchas forzadas” realizando máis derivacións hospitalarias das necesarias.
Ademais, explicou que cada vez é máis frecuente a práctica de “non dar unha data para as consultas ou probas diagnósticas solicitadas”. Quedan “en buzón”, sen unha data asignada nin previsión de cando vai ser esa cita e a espera de recibir unha chamada ou sms e para mostra temos o exemplo de pacientes en seguimento en oncoloxía, que saen da consulta cunha solicitude de proba diagnóstica a realizar nun prazo determinado, e que marchan á casa cun “xa lle chegará un sms coa cita”.
O día 12 de xaneiro anúnciase desde San Caetano que “A Xunta puña en marcha un programa de intensificación asistencial en 2023 para reducir os tempos de espera de cirurxías, consultas e probas diagnósticas a niveis do ano 2019”. Van 10 meses desde ese anuncio, e a día de hoxe “nada sabemos deste programa, concluíu”.