Néstor Rego traslada no Congreso a preocupación da veciñanza de Folgoso do Courel ante a grave situación que a desconexión causará no municipio tras o anuncio de que a compañía telefónica Movistar deixará de prestar o servizo a través da rede de cobre na zona. A organización nacionalista reclama a intervención do executivo estatal para exixir a cobertura cun servizo alternativo e solucionar os problemas en materia de telecomunicacións existentes, aplicando as mesmas tarifas ofertadas até o momento.
O pasado mes de novembro, tan só un día antes da data anunciada inicialmente pola compañía telefónica Movistar para executar o corte das conexións de telefonía fixa e Internet por rede de cobre en Folgoso do Courel, rectificaba a súa decisión. Esta decisión produciuse polo rexeitamento social e a repercusión mediática que tivo. A empresa, nese momento, comprometíase a realizar a desconexión física en 2022 garantindo que antes todas as persoas usuarias terían unha alternativa de servizo.
Dous meses despois, a compañía envía unha carta aos veciños e veciñas informando que en seis meses deixarán de prestar o servizo mais as alternativas prometidas aínda non están executadas. “É certo que a moitas persoas usuarias da zona instalóuselles servizo de fibra óptica, mais existen moitos outros que non poden ter acceso á mesma, polo que terán que dispoñer dunha tecnoloxía alternativa” denuncia o deputado do BNG.
A isto súmaselle que, debido a orografía da zona, a principal opción, a conexión por ondas radioeléctricas, non funciona en moitos lugares do concello. Polo tanto, a alternativa non servirá para solucionar os problemas en materia de telecomunicacións existentes, pois en moitos núcleos non existe tampouco cobertura de telefonía móbil, nin de radio ou televisión adecuadas.
Por iso, a organización nacionalista traslada a preocupación da veciñanza en forma de preguntas ao Goberno. A decisión da compañía, segundo explica Rego, deixa a “moitas veciñas e veciños nun illamento tecnolóxico posto que o corte afectará a moitas liñas de teléfono da zona”. Nese sentido, o deputado do BNG reclama ao Goberno do Estado que interveña nesta situación e leve a cabo todas as medidas necesarias que permitan garantir un servizo básico de comunicación alternativo que substitúa o actual para toda a veciñanza que non pode nin poderá acceder ao ofertado pola compañía.
Así mesmo, explica o BNG, o Goberno debe defender os dereitos das persoas consumidoras e usuarias “e que as tarifas sexan, cando menos, iguais ás anteriormente ofertadas”. É dicir, garantir o mantemento das tarifas porque, de non facelo, resultaría “abusiva a imposición dun novo prezo máis caro por un servizo deficiente”.