BNG reclama ao Goberno do Estado denegar a autorización do Parque Eólico Moeche

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego denuncia o solapamento de proxectos eólicos nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e que a súa instalación prexudicaría a candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal

Defende paralizar toda tramitación de proxectos eólicos na Galiza e elaborar, coa Xunta de Galiza, unha planificación que responda a criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado que denegue a autorización para a construción do Parque Eólico Moeche, así como a súa infraestrutura de evacuación cunha subestación, outra colectora e as liñas de transporte que as conectan. A frente nacionalista demanda paralizar este e o resto de proxectos eólicos en tramitación para elaborar, de maneira conxunta coa Xunta de Galiza, realizar unha planificación eólica asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio. Alerta que, de non facelo, a proliferación descontrolada de parques eólicos na Galiza porán en risco o patrimonio natural e cultural, así como a actividade produtiva para maior beneficio das grandes compañías eléctricas.

O Parque Eólico Moeche, de 53MW, propón a instalación de doce aeroxeradores con outros tres en reserva. A evacuación da enerxía eléctrica realizarase a través de 4 liñas subterráneas de Media Tensión até a Subestación Moeche e, desta a Subestación Colectora das Pontes a través dunha liña de alta tensión. Tamén se prevé a construción dunha liña entre a colectora das Pontes e o punto de conexión á rede na Subestacións REE As Pontes. Os concellos afectados serían os de San Sadurniño, Moeche, As Somozas e As Pontes de García Rodríguez.

Este proxecto forma parte dun conxunto de seis parques eólicos: Caaveiro, Tesouro, Barqueiro, Badulaque, Santuario e Moeche. Todos eles conectan nun mesmo punto de conexión á Rede Subestación de REE As Pontes. “Esta fragmentación é claramente fraudulenta e artificial, o único que procura é a aprobación do Estudo de Impacto Ambiental de maneira individual” denuncia o deputado. Na práctica, todos estes proxectos que solicitan autorizacións individuais actuaran como un único megaparque eólico.

Así mesmo, cabe destacar que o proxecto eólico Moeche atópase fora das Áreas de desenvolvemento eólico (ADEs) contempladas no Plan sectorial eólico da Galiza, “sen que tampouco exista declaración expresa do Consello da Xunta e mesmo a Administración galega informou desfavorabelmente sobre este proxecto”. De facto, ademais de existir un solapamento co parque eólico Tormenta e a poligonal, os aeroxeradores estarán a menos de 500 metros da maioría de núcleos de poboación “cando debería respectarse a distancia dun quilómetro posto que a altura total é de 200 metros” tal e como estabelece agora a normativa galega.

“Este volume de proxectos en trámite implica un uso abusivo e irresponsábel das competencias da Administración Xeral do Estado para o desenvolvemento das instalacións de xeración superiores a 50 Mw, tendo en conta que tal expansión modifica case por completo a planificación eólica vixente en Galiza” recrimina Rego.

O deputado sinala a necesidade de paralizar todos os proxectos que se atopan en tramitación para realizar, de maneira conxunta coa Xunta de Galiza e respectando as súas competencias nesta materia, unha deseño conxunto do desenvolvemento eólico e unha planificación adecuada e coordinada do mesmo. Unha planificación que debe asentarse en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal.

“Debe sinalarse que se trata dun proxecto cun carácter estritamente mercantil, é dicir, un proxecto industrial de grande magnitude que persegue reforzar os  oligopolios que existen ao redor da xeración de enerxía no Estado” subliña o deputado do BNG. O proxecto presentado serve aos obxectivos do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), instrumento que prevé a necesidade de aumentar a porcentaxe de enerxía renovábel, pero que non realiza unha análise territorializada, parecendo ignorar que “Galiza xa é neste momento  excedentaria na produción de enerxía limpa, pero que segue permitindo a sobreexplotación dos nosos recursos á conta de sacrificar valores ambientais e socioeconómicos”.

“As afeccións ambientais que xera este proxecto serían numerosas. Desde o emprazamento de aeroxeradores en cultivos e prados até a afectación directa de hábitats consideradas de interese comunitario” apunta Rego. Sen deixar de lado a proximidade que posúe a diversas figuras actualmente incluídas na Rede Natura 2000, como As Fragas do Eume, a ZEC Xubia ou a ZEC Ortigueira-Mera, así como a zonas propostas para a Rede Natura 2000. Tamén afectaría na protección de especies ameazadas tanto de aves como de peixes, anfibios e réptiles

É especialmente relevante, en palabras do deputado do BNG, o impacto sobre o patrimonio cultural, pois este proxecto incidiría sobre distintos elementos patrimoniais da zona, como poden ser o  Túmulo dos  Caneiros, ou o Monte Pico. Tamén debe resaltarse a afectación directa dun dos aeroxeradores previstos á mina de cobre Piquito, na cal habita unha especie de morcego xigante de ferradura e existen formacións de estalactitas e estalagmitas que poden verse alteradas polas vibracións.

“Por último, debe destacarse que a construción deste parque e do resto de proxectos, de seguro, dificultaría ou case impediría, o desenvolvemento do proxecto de candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal, que vén definido polos límites dos concellos coruñeses de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño” alerta o deputado. Esta candidatura pode fracasar e, polo tanto, a Administración debera primar e favorecer os beneficios reais, tanto económicos como sociais, que a declaración do Xeoparque tería sobre os  concellos afectados, frente á grave afectación ambiental, social e patrimonial.

En definitiva, o Parque Eólico Moeche, así como o resto de parques eólicos que se pretenden instalar nesta mesma zona, non repercute, en absoluto, de maneira positiva na economía dos habitantes dos  concellos afectados. “Non serve para o desenvolvemento socioeconómico das poboacións próximas nin xera riqueza no territorio, todo o contrario, contribúe ao abandono rural pois impide o desenvolvemento doutras iniciativas empresariais de aproveitamento agrogandeiro e forestal, sen xerar alternativas de emprego a cambio” conclúe Néstor Rego. 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG