Perante o anuncio da Ministra de Defensa de que Goberno español está disposto ao envío de efectivos militares ao Mar Negro e a Países do leste (entre eles a fragata Blas de Lezo, con base en Ferrol), o BNG anuncia unha iniciativa no Congreso rexeitando rotundamente esa decisión e reclamando ao Executivo de coalición que aposte no diálogo e os esforzos diplomáticos no marco da OSCE e a ONU para evitar calquera posíbel conflito militar. Tamén reclama que a decisión de enviar efectivos militares sexa debatida previamente no Congreso.
Nos últimos días produciuse unha escalada da tensión entre os Estados Unidos e Rusia que ameaza con detonar un conflito militar de consecuencias imprevisíbeis. Unha escalada que se alimenta da pretensión da OTAN de continuar a ampliación cara ao leste, incorporando tamén Ucraína e Xeorxia -o que é valorado como unha ameaza militar por parte de Rusia- e que vén precedida polo incremento do apoio militar dos EUA e diferentes países da alianza atlántica ao goberno ucraíno, nun contexto de guerra contra as repúblicas do Donbass.
“A decisión do Goberno español de ofrecer á OTAN o envío de efectivos militares ao leste parécenos profundamente desacertada. En vez de apostar na desescalada pola vía diplomática e do diálogo, toma o camiño de contribuír para o aumento da tensión bélica na zona. É un erro. E a pregunta evidente é se o PSOE quere cometer os mesmos erros do Partido Popular de Aznar, converténdose no “partido da guerra” en vez de apoiar todas as iniciativas de paz posíbeis”, sinala Rego.
O BNG rexeita rotundamente o envío de efectivos militares ao Mar Negro e a Países do leste e reclama unha mudanza de posición. “Cremos que unha polítiuca de paz require apostar sempre no diálogo e nos esforzos diplomáticos, no marco de organizacións como a ONU, para lograr a desescalada das tensións e procurar unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos”, salienta o deputado nacionalista.
Rego advirte do risco de que o Estado español se deixe arrastar ao este conflito pola actitude militarista da OTAN e dos Estados Unidos e polos intereses xeoestratéxicos desta potencia imperialista, polo que reclama a neutralidade activa e, por tanto, non enviar efectivos militares españois na misión da OTAN ao Mar Negro e a países do leste europeo. En todo caso, entende o BNG que calquera misión militar no exterior do Estado debe ter previamente debate e autorización do Congreso.