O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a responsábel local do BNG en Vilalba, Mónica García Souto, participan nun acto coa veciñanza do concello lugués para trasladar as medidas que defende a organización nacionalista para paliar os efectos da suba desproporcionada dos prezos. Rego salienta que as novas medidas estabelecidas polo Goberno do Estado son positivas mais que chegan tarde e non son suficientes. Defende levar a cabo reformas estruturais, a comezar polo sistema eléctrico, estabelecer un tope no prezo final dos carburantes ou medidas de protección social “máis ambiciosas” realmente eficaces, alén da suba das pensións non contributivas ou a subvención de 50% nos bonos de transporte terrestres presentadas polo Goberno do Estado.
Nun primeiro momento, o deputado do BNG lembrou que a organización nacionalista leva anos demandando a baixada do IVE na luz e no resto de fornecementos domésticos ao tipo súper reducido de 4%, por tratarse de bens esenciais, medida que non contemplou o executivo no primeiro Real Decreto e agora recolle neste novo paquete mais coa baixada a 5%. A baixada de impostos sobre os bens de primeira necesidade son fundamentais no contexto actual, mais cando os recursos económicos que deixarían de percibirse poden e deben compensarse implantando “un imposto ás grandes empresas, particularmente ás enerxéticas e de maneira especial a aquelas que fan negocio con bens públicos como as eléctricas”.
“Tememos que o anuncio de estabelecer un imposto aos beneficios extraordinarios das enerxéticas chegue tarde e mesmo non chegue a entrar en vigor” subliña Rego que dubida do carácter retroactivo explicado polo executivo estatal e que, polo tanto, non gravará os “ingresos indecentes das enerxéticas”. O deputado nacionalista entende que este anuncio enmárcase dentro da presión social e política que mesmo se materializaron nos resultados dos comicios en Andalucía onde as forzas do Goberno do Estado foron castigados.
O deputado do BNG apunta a necesidade urxente de estabelecer prezos máximos na enerxía eléctrica e nos carburantes no mercado final. “Xa vimos o resultado de estabelecer o tope do gas no mercado maiorista. Non se entende que se poida limitar o prezo máximo das bombonas de butano e non da electricidade ou do litro dos diferentes combustíbeis nas gasolineiras” destaca Rego.
No ámbito social, o deputado critica que o Goberno español aprobe unha partida extraordinaria de 1.000 millóns de euros para armamento nun momento de crise social e económica en que boa parte da poboación o está pasando moi mal. De facto, as medidas sociais aprobadas -como o incremento de 15% das pensións non contributivas- entende que non é suficiente, a pesar de que cualifica esta medida como positiva. “Hai que incrementar o Salario Mínimo Interprofesional e as pensións mínimas até equiparalas a 60% do Salario Medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea que o Estado español ratificou. Isto contrarrestaría a perda de poder adquisitivo das clases populares” destaca Néstor Rego.
En conclusión, o deputado nacionalista demanda ao Goberno do Estado “un xiro á esquerda” para levar a cabo reformas estruturais e cumprir as promesas adquiridas durante as eleccións e os acordos asinados para a investidura. “O Goberno de Pedro Sánchez debe aprobar medidas máis ambiciosas que permitan paliar a suba desproporcionada de prezos que están provocando unha perda do poder adquisitivo das clases populares” enfatiza Rego.