A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, lamentou que o Partido popular rexeitara tomar en consideración a proposta nacionalista para reformar a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, como “punto de partida” para recuperar os principios de “pluralismo, veracidade e obxectividade” e servizo público á cidadanía.
Na defensa da reforma, explicou que a CRTVG foi creada como compañía no ano 1984 co obxectivo de “garantir o dereito fundamental de todos e todas as galega a recibir información próxima sobre a realidade de Galiza e no idioma propio deste país”.
Sen embargo, dixo, os obxectivos non se cumpren, “o de proximidade”, cada vez é menor como constata o peche das delegacións territoriais de: Ferrol, A Mariña e Pontevedra así como a “redución do persoas nas actuais delegacións”, e a supresión das desconexións informativas das cidades e redución da información local.
Para a nacionalista, os servizos informativos chegaron a “puntos insoportables de control político e uso propagandístico para beneficio do Partido Popular”, hoxe por duplicado, “afanados en enxalzar a figura do amado líder e candidato a presidente en España e dar a coñecer entre os galegos a quen quedou á fronte da Xunta”.
246 Venres negros defendendo os medios públicos
A resposta do persoal, redactoras e redactores; operadores de Cámara, rexedores, locutores... ante esta situación, gravísima, explicou a deputada, foi presentar a dimisión de dous dos rostros máis visibles e coñecidos da Televisión de Galiza e organizarse arredor de “Defende a Galega” nunha mobilización que dura máis de 4 anos para defender os seus dereitos como profesionais e o dereito dos e das galegas a contar cuns medios de comunicación públicos que sexan de todos.
A xuízo da parlamentaria, “a situación actual da CRTVG é insostíbel” e incorre en incumprimento da lei. A actual Dirección Xeral e o PP no Consello de Administración incumpren “a mantenta” a Lei de medios desde o ano 2011 negándose a crear o Consello de informativos, redactar o Estatuto profesional e asinar o Contrato programa.
Pero o máis gravoso, dixo, é o mantemento da Dirección Xeral con carácter “case vitalicio en mans dunha persoa que foi elixida a dedo” e por un procedemento alleo e contrario ao disposto na lexislación vixente e que “o PP mantén en situación de interinidade prorrogada -sine die-“ ,a través dunha disposición adicional dunha Lei de Acompañamento desde o ano 2016.
Unha Dirección Xeral que non conta, nin co respaldo do persoal, nin co respaldo de ⅔ da Cámara, como exixe a Lei de 2011, cuestión que quedou en evidencia cando o Pleno votou a proposta de reprobación impulsada polo BNG.
Propostas para a reforma da CRTVG
Dende o BNG, explicou a nacionalista, impulsamos esta reforma como “elemento democratizador” e baseada en tres eixos: “transparencia fronte á política de despacho, garantía de participación das e dos profesionais da comunicación, fixando un prazo mínimo de 10 días para que as organizacións sindicais, entidades profesionais e asociativas do ámbito da comunicación formulen as súas propostas para a creación da Comisión de persoas expertas encargadas da avaliación das candidaturas para despolitizar o proceso e a propia Corporación, a través dun concurso público que permita a candidatura de calquera profesional que cumpra as condicións de “idoneidade, capacitación e prestixio profesional” establecidas na convocatoria avaliadas por un Comité de persoas expertas.
Feijóo pide en Madrid o que nega a Galiza
Olalla Rodil lembrou que Feijóo denunciaba a “colonización de diferentes institucións por parte do Goberno” coa “colocación obscena de afíns” en entidades públicas.
Quen coñecemos a ese señor, sabemos que o único que critica o PP é que “non poden poñer eles eses afíns”. Que non poden controlar eles as institucións. Iso é do que se queixa, algo que o PP leva toda a vida facendo na Radio e Televisión pública.
“Controlar os medios públicos poñendo comisarios políticos ao fronte da Corporación e manténdoos no cargo con carácter case vitalicio”. Vostedes, dixo, dirixíndose á bancada dos populares, “coa súa lei fixeron un exercicio de cinismo político do tamaño da muralla de Lugo”.
Na quenda de réplica, tras a intervención da portavoz popular, Raquel Arias, a deputada do BNG afirmou que o PP queda retratado en Galiza pero tamén no conxunto do Estado, o PP “non está para democratizar nada, non está para rigor, transparencia ou independencia a nada, e é capaz de venderse a si mesmo para seguir amarrándose ao poder”, concluíu.