O BNG defendeu no pleno do Parlamento galego a creación inmediata dunha pasarela entre a Renda de Inclusión Social de Galiza (RISGA) e o Ingreso Mínimo Vital (IMV), así como a transferencia da xestión desta última prestación á Xunta.
Así o propuxo a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, logo de reprobar a reclamación por parte da Xunta da devolución de “cobros indebidos” a persoas beneficiarias que teñen como único ingreso unha prestación económica, “como se fosen defraudadoras, cando quen orixina o problema é a Administración”.
Nunha interpelación en pleno parlamentario, a viceportavoz explicou que esta circunstancia estase a dar “por non querer acelerar a reforma da Lei de Inclusión ou adoptar un acordo do Consello da Xunta que deixe sen efecto esas devolucións como fixo Canarias”. Despois de exemplificar con casos reais e concretos -“porque falamos de persoas de carne e óso, non de números ou estatísticas”, advertiu-, Rodil subliñou que a incompatibilidade entre RISGA e IMV “acábase cunha pasarela que leve automaticamente ás persoas perceptoras da RISGA ao Ingreso Mínimo Vital e cunha reforma da Lei de Inclusión”.
Segundo explicou, esta lei “é a que é dende 2013” e a RISGA é incompatible con outras prestacións de idéntica natureza, como o IMV, dende que se creou, algo que segundo recalcou, sabía o Executivo galego. Non obstante, tamén sinalou que “o que está a pasar coa xestión do IMV non ten nome e é o resultado dese fanatismo centralista que prefire acaparar unha competencia mesmo aínda que supoña a negación de dereitos sociais da poboación máis vulnerable do Estado”.
Neste contexto, defendeu a transferencia da xestión desta percepción a Galiza e a creación de pasarelas automáticas para as persoas perceptoras das distintas rendas territoriais (no caso galego, a RISGA) cara ao Ingreso Mínimo Vital. “Isto tería evitado esta situación, efectivamente, pero non exime á Xunta de responsabilidade, porque mañá mesmo pode deixar sen efecto as reclamacións de devolucións, tal e como se fixo en Canarias”, advertiu.
Así pois, a tamén portavoz parlamentaria de Asuntos Sociais, explicou a proposta do BNG neste ámbito de actuación e que pasa, ademais de pola creación inmediata da pasarela RISGA-IMV e a transferencia da xestión do Ingreso Mínimo Vital á Xunta, polo reforzo dos servizos sociais comunitarios e por reformar a Lei de Inclusión, indo máis alá de facilitar a compatibilidade das distintas percepcións.
“Debe servir para complementar o dereito de toda persoa a contar con ingresos mínimos que lle permitan vivir dignamente”, resumiu para concluír apuntando neste sentido á ampliación do rango de persoas beneficiarias, as contías percibidas e ao reforzo de dous elementos centrais: o complemento de vivenda para garantir o dereito a unha vivenda digna; e o tramo de inserción socio-laboral para garantir o dereito ao traballo.