parlamento galego

BNG propón pactar fórmulas para frear a subida dos prezos do alugueiro e a Xunta evita posicionarse contra a escalada alcista

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández reprocha á conselleira de Vivenda: “podemos discutir as medidas, pero frear esta escalada debe ser un obxectivo estratéxico”

A deputada nacionalista acusa ao PP de favorecer a promotores e inversores dende unha lóxica idéntica á que propón o PSOE no Goberno estatal   

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que definise a súa posición sobre a burbulla dos prezos do alugueiro e aclarase se o considera un obxectivo estratéxico nas súas políticas de vivenda. “Vostedes cren que é un obxectivo estratéxico frear a escalada de prezos? Si ou non? Porque seguimos sen saber cal é a súa opinión”, reprochou a deputada nacionalista Alexandra Fernández á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, despois de que esta eludise en reiteradas ocasións posicionarse ao respecto.

“Ninguén lle está falando de limitar os prezos -recalcou á titular de Vivenda na súa réplica-, o que lle dixen é se é un obxectivo para vostedes frear os prezos, porque para conseguilo hai moitas medidas que se poden poñer en marcha, entre elas, aumentar a oferta vía mobilización da vivenda baleira”. Logo de subliñar que “podemos discutir as medidas concretas” para conseguir baixar os prezos, Fernández insistiu en que a cuestión é se para o PP é este ou non un problema e, polo tanto, un obxectivo estratéxico nas súas políticas de vivenda, sen conseguir unha resposta da conselleira.  

A portavoz nacionalista de Vivenda utilizou os datos do Observatorio da Vivenda de Galiza, dependente da mesma consellería, para advertir do “aumento desorbitado” que rexistran os prezos do alugueiro nos últimos anos e que, segundo subliñou, evidencian, logo da crise de 2007, o inicio dun novo “ciclo especulativo”. Así, recordou que no período 2014-2020 o incremento do prezo da vivenda do alugueiro foi do 31% na Coruña, do 20% en Santiago, do 19% en Ferrol, do 25% en Lugo, do 20% en Ourense e do 23 e 0 24%, respectivamente, en Pontevedra e Vigo.    

Fernández considerou preciso impulsar novas medidas para frear esta burbulla, “á vista de que as que hai ata agora non funcionaron e que o anterior Plan de Vivenda 2015-2020 foi incapaz de frear a escalada permanente de prezos”, se ben considerou que o denominado Pacto Social de Vivenda 2021-2025 tampouco vai conseguir este obxectivo dado o seu carácter “continuista” do anterior e mesmo con cambios “que o empeoran”.

Así, subliñou que o novo plan fomenta a compra de vivenda, en vez de abordar o problema do alugueiro e, ademais, incorpora modificacións que favorecen “a rendibilidade de promotores e inversores” que invisten en vivenda protexida, reducindo os tempos de protección ou incrementando os prezos da vivenda protexida.

Nesta liña, afondou exemplificando tamén coas axudas de 8.000 euros aos propietarios de inmobles que asinen contrato de vivenda en alugueiro con opción a compra a persoas menores de 35 anos, o que na práctica supón que a ou o propietario dispoña de partida con eses 8.000 euros, máis o 5% do valor do inmoble a cargo dx inquilino, simplemente por asinar e sen que se estableza contraprestación sobre o prezo da vivenda. “O negocio é redondo, porque se pasados cinco anos non venden, quedan con esa contía máis unha renda de alugueiro a prezo de mercado libre”, incidiu.

Nestas axudas, e ao igual que as de 8.000 euros a fondo perdido destinadas aos propietarios que poñan vivenda baleira no mercado, non se distingue o tipo de propietario, polo que os beneficiarios inclúe a entidades financeiras, filiais inmobiliarias e entidades de xestión de activos. Grandes tenedores, en definitiva. “Este tipo de medidas poderían ser positivas se falásemos de pequenos propietarios, o que non é o mesmo que as grandes entidades financeiras”, criticou, logo de reprochar ao PP que, “en lugar de velar pola función social da vivenda”, utilice as políticas públicas “para favorecer a rendibilidade de promotores e inversores”.

Unha lóxica que, segundo recalcou, “é a mesma que propón o PSOE no Goberno central”, con “beneficios fiscais para os propietarios de inmobles” e que  ao final se traducen en “subvencionar con recursos públicos que estes manteñan as súas marxes de beneficio”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG