A portavoz nacional, Ana Pontón, repasou nun almorzo informativo en Ourense o trato que Goberno do Estado e da Xunta están dispensando na provincia, -en particular no referente a investimentos e infraestruturas-, que resumiu en dúas palabras: “agravio e discriminación”.
O exemplo máis recente, o Plan estatal fronte ao reto demográfico cun orzamento de 10.000 M€, que non menciona a Ourense pese a que lidera o ranking de perda de poboación no Estado español desde fai máis dun século, mentres se cita expresamente a territorios como A Rioxa, Castela-A Mancha ou Castela-León.
“Ourense non e Galiza tampouco, pese a que somos a segunda comunidade con maior índice de envellecemento, ao que se suma a perda continuada de poboación. Cada vez somos menos, e cada vez estamos máis envellecidos, pero nin así se menciona nin a Ourense nin a Galiza no plan estatal para facer fronte ao reto demográfico”, criticou Pontón, tras apuntar un dato “que fala por si só”: o índice de envellecemento do conxunto do Estado é do 126%, para Ourense é do 301%, case o triplo.
Un dato que o Bloque toma como referencia para cuantificar o que debería recibir a provincia do plan estatal: “o triplo da poboación equivalente, -isto é, ponderando criterios como o envellecemento ou a dispersión-, o que supón unha contía de aproximadamente 300 M€”, argumentou Pontón, tras insistir en que “non é tolerable que nun plan para combater á crise demográfica, Ourense non se mencione”.
Ademais, o documento do Goberno central aborda cuestións que son necesidades imperiosas da provincia como a mellora da conectividade das comunicacións, o apoio ao rural ou o desenvolvemento transfronteirizo. E mentres, “a combinación de despoboamento e envellecemento ten a provincia de Ourense nunha crise demográfica de tal dimensión que pon en perigo o seu futuro, que non se soluciona con declaracións de intencións por parte da Xunta, senón con recursos”.
Por iso, o BNG demanda a Feixóo facer efectivas as medidas de impulso económico comprometidas e que Ourense entre de cheo no financiamento extraordinario que van supoñer os fondos de recuperación europeos, Next Generation.
Pontón tamén citou como exemplo de discriminación que a entrada en funcionamento do AVE, supostamente este 2021, non vai chegar á terceira cidade do País “porque PP e PSOE, man a man, non fixeron os deberes” e a coñecida como variante exterior segue pendente. “Todo o máis que temos é un novo anuncio de licitación nos próximos meses, anuncio que tamén se fixo en 2019, e á vista esta o resultado”, sentenciou a líder nacionalista.
Finalmente, salientou que o BNG leva meses insistindo na importancia de que Galiza teña unha “estratexia útil e eficaz” no debate dos fondos europeos, con proxectos dirixidos a modernizar o sistema produtivo, ás PEMES, e a todos os sectores máis impactados pola crise. Na distribución deses fondos, -recalcou-, Ourense “debe ter un peso específico e propio”.
Por iso,Pontón destacou o proxecto estratexia da auga 2030 presentado polo Bloque recentemente na cidade das Burgas, coa creación dun cluster termal con base en Ourense e un investimento de 1.100 M€ que dinamizarían a economía desta provincia aproveitando unha das súas fortalezas. E neste sentido, respondendo a preguntas dos medios, cualificou de disparate “que ás instalacións termais máis emblemáticas no corazón da Galiza termal estean pechadas” facendo perder oportunidades á cidade , en relación ás instalacións termais das Burgas ou Outariz, situación da que responsabilizou tanto á Xunta como ao Concello.