Galegas 2020

O BNG propón unha moratoria de superficies comerciais e unha nova lei de comercio que fixe desde Galiza horarios, festivos e rebaixas

Comercio
Comercio
“Somos fans do comercio local”, declara Pontón, “pola súa capacidade de crear emprego e aportar dinamismo económico e social nos barrios de vilas e cidades”
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, acompañada da candidata pola Coruña, Mercedes Queixas e polo portavoz municipal, Francisco Jorquera, visitou unha moblería de produción galega na Coruña para visibilizar o apoio do BNG ao comercio local e explicar as propostas de goberno para este sector.

“No BNG somos fans do comercio local”, subliño a líder nacionalista, “tanto pola súa capacidade para xerar emprego como pola súa capacidade para aportar dinamismo e cohesión social aos barrios de vilas e cidades, porque é incrible a diferencia entre ver unha rúa con vida comercial a que vela coas persianas baixadas”. O comercio local foi un dos que máis sofreu a crise económica de 2009 e tamén agora un dos sectores máis resentidos pola crise da COVID19, por iso, o BNG propón medidas a curto e a medio prazo.

Entre as primeiras, unha axuda directa de até 2.000€ con cargo aos orzamentos da Xunta para afrontar gastos nun contexto de baixada de ingresos e que se manterá porque é evidente que moitos galegos e galegos van ver recortada a súa capacidade de consumo, “é necesario darlle osíxeno ao comercio local”, indicou.

Igualmente, garantir que o pequeno comercio ten acceso a financiamento en boas condicións para que dispoñan de liquidez, por exemplo, aumentando o prazo de carencia de amortización do préstamo. Tamén, eximilo de pago de taxas e impostos nas obras que teñan realizado para adaptarse ao escenario post-COVID19.

No medio prazo, unha nova lei do comercio “que acabe coa invasión de competencias do Goberno central e que poña fin a actual normativa de liberalización de horarios que só beneficia ás grandes superficies”, indicou. Unha nova lei pactada co sector que recolla as súas demandas en materia de horarios, apertura de festivos ou para fixar o período de rebaixas, cuestións todas que teñen un enorme impacto no éxito ou no fracaso do comercio local.

Igualmente, o Bloque propón declarar unha “moratoria na apertura de grandes superficies comerciais” por entender que Galiza xa é zona saturada deste tipo de establecementos, unha cuestión evidente no caso da Coruña.

Pontón tamén fixo referencia á compra virtual como unha tendencia “que chegou para quedarse e que vai seguir medrando”, polo que é necesario a modernización tecnolóxica do comercio local para que non perda posicións na venda por internet e poda sacar partido desa tendencia imparable.

“Pero non queremos que a venda online quede en mans de grandes multinacionais senón que apostamos por desenvolver unha gran plataforma de venda online galega, por dicilo doutro xeito, un AMAZON galego: unha plataforma galega de venda por internet, con participación pública e do sector privado para que o comercio e os produtores locais teñan unha plataforma galega a través da que comercializar produtos de todos os ámbitos e sectores”, explicou.

En definitiva, a formación que lidera Pontón fai unha aposta clara polo comercio local, “e así o demostramos en todos os concellos nos que gobernamos onde o apoio ao comercio de proximidade é un claro sinal de identidade”, conclúe.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG