O BNG defendeu no Parlamento galego unha batería de propostas para impulsar o transporte público en Galiza e contribuír a solucionar as deficiencias que presenta o servizo en distintos puntos do País, “tan no seu desenvolvemento como nos diferentes incumprimentos que o devalúan e o deterioran”, segundo afirmou o portavoz nacionalista de Mobilidade, Paulo Ríos.
Así pois, nunha proposición non de lei presentada na comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, Ríos propuxo a mobilización de 40 millóns de euros para, por unha banda, o reforzo do servizo a efecto de itinerarios, horarios e paradas, tanto nas conexións coas cidades como no transporte intracomarcal e rural; e, por outra, a posta en marcha dunha tarifa plana para usuarias e usuarios recorrentes e bonificacións para persoas pensionistas e en situación de desemprego e con rendas baixas.
De igual xeito, defendeu a implantación de bonificacións para a mocidade, ligadas ao Carné Xove, para as persoas que excedan a idade máxima da Tarxeta Xente Nova e a gratuidade tanto do transporte público para estudantes como das autovías dependentes da Xunta. Por último, reclamou o reforzo no control e inspección, a todos os niveis, no cumprimento dos contratos asinados coas distintas empresas concesionarias das liñas de transporte público do País.
Durante a súa intervención, o deputado nacionalista indicou que se ben as bonificacións aplicadas polo Goberno galego dende hai 15 días e ata final de ano, así como a gratuidade contemplada na Tarxeta Xente Nova medidas que poden ter certo impacto, “se se aplican de xeito illado e sen ser acompañadas doutras medidas moito máis profundas e de carácter estrutural, é como facer unha casa comezando polo tellado”.
Neste sentido, asegurou que as medidas para o fomento do transporte público por estrada deben comezar polo reforzo integral do servizo, tanto en itinerarios, como en horarios e paradas, para poder obter os resultados que se perseguen. Así, exemplificou no “caos” rexistrado no inicio do curso, segundo subliñou, “debido á falta de planificación e a pasividade da Xunta”. “E non se trata de pequenos desaxustes puntuais nunha liña ou servizo concreto como din, estamos a falar de que vostedes teñen a medio País en pé de guerra polo mal funcionamento e os incumprimentos do servizo de transporte público”, incidiu.
Ríos apuntou que “un pequeno desaxuste” podería ser un caso illado como o de Dodro ou o de Ribeira, mais, segundo enumerou, “a día de hoxe atopamos graves problemas de funcionamento na comarca de Ferrol, na das Mariñas, na da Coruña, na de Santiago de Compostela, na da Barbanza, na do Morrazo, na de Pontevedra...”, o que considerou froito dunha situación previa “que xa era moi deficiente” e dunha “previsión e planificación que brilla pola súa ausencia”.
Nesta liña, advertiu que todo isto está a acontecer mentres a empresa concesionaria -“sempre a mesma nas súas múltiples formas”, ironizou-, continúa “cos seus reiterados incumprimentos en termos de horarios, autobuses que pasan, paradas que non se fan, vehículos en malas condicións ou malas prácticas laborais”. A xuízo do portavoz nacionalista de Mobilidade é precisamente esta situación “a que hai que cambiar para facer que o transporte público acade cotas de uso e de utilidade que axuden a conseguir os obxectivos que todas e todos desexamos” e criticou que o Executivo do PP se limite a anuncios en presa “que quedan en titulares e que nunca chegan a bo porto”.
“Dende o BNG apoiamos unha bonificación do servizo, pero isto debe estar acompañado necesariamente dun cambio de modelo no servizo de transporte público, que remate cos comportamentos monopolísticos e que poña á sociedade galega no centro”, concluíu na defensa desta iniciativa que non prosperou polo veto do PP.