Neste sentido, explicou que o día 5 de novembro, no Congreso de control sobre este insecto que organizou a Asociación Galega de Apicultura (AGA) en Chantada en colaboración co GDR foron presentadas experiencias e co aval de varios anos de ensaios que constatan a súa efectividade e denominada a “técnica de troianos” que consiste na captura de modo intensivo, e un por un, de exemplares de tártagos recolectores, aos que se inmobiliza e meticulosamente se lles coloca unha mínima carga de biocida no abdome e posteriormente liberados para que transporten este biocida ó niño. Ao cabo de poucos días, “a presenza de tártagos é case nula”. En Asturias, o sistema, dixo, está “sufragado polo goberno”.
Rivas engadiu que en Galicia, principalmente na costa atlántica, xa se tiñan feito experiencias deste tipo pero sen a dedicación suficiente para constatar os resultados.
Sexa eficaz ou non, preguntou o deputado, porque non facemos a proba e comprobamos a súa eficacia?. A Consellería de Medio Rural non pode seguir “mirando para outro lado” porque a velutina comezou na costa pero sabe adaptarse e está “rebentándoo todo”. A nosa alimentación, advertiu Rivas, está en risco ademais dos problemas de saúde que provocan as picaduras desta avespa.
O deputado insistiu na necesidade de crear un Comité Asesor de carácter transversal que coordine e informe todas as experiencias, investigacións e estratexias de control desta especie invasora. Neste Comité estarían representados todos os sectores afectados por esta especie invasora e predadora.
Por outra banda, urxe deseñar e levar a cabo unha campaña de trampeo masivo para a próxima primavera de parte da Administración previo asesoramento do citado Comité, deseñar e levar a cabo un Plan Piloto de Control Remoto arredor de varias zonas representativas da presenza e presión do tártago, avaliación de resultados e análise no Comité Asesor, da súa implantación.
Ademais dixo, os datos do Seaga a respecto da retirada de niños deben facerse públicos incidindo na “localización e se é o caso, tamén no trampeo.
Xosé Luís Rivas lembrou que os exemplares detectados son menos dun terzo dos que se calcula que existen e que non se ven. “O trampeo resulta efectivo na primavera como primeiro freo para as raíñas que saen da hibernación, e logo durante o verán e o outono supón un xeito de catarse e vinganza, mais non resulta efectivo porque semella coma que cantas máis caen nas trampas, máis aparecen. Polo tanto, o trampeo só non vale”.
Visto o considerable aumento de avisos e a presión brutal que sobre case todo o territorio se constatou este ano, todo parece indicar que para a próxima primavera o número de raíñas e de niños primarios vai ter un crecemento exponencial, polo que vai ser necesaria unha campaña de trampeo masivo e deseñado e tutelado desde a Administración, concluíu.
Os votos do Partido popular impediron que a proposta do BNG prosperara.