Parlamento Galego

BNG propón incrementar a parte que reciben os concellos dos cartos que recada a Xunta a través do canon eólico

Óscar Insua
Óscar Insua

Oscar Insua denuncia a redución da asignación que reciben os entes locais namentres foron subindo os fondos xestionados directamente pola Xunta

Acusa o PP de aplicar na Xunta un “falso paternalismo” para controlar o que fan os concellos. É que non se fían dos alcaldes e dos secretarios?”

O deputado do BNG responsábel de Administración Local, Oscar Insua, defendeu no Parlamento unha iniciativa para incrementar a parte que reciben os concellos dos cartos que recada a Xunta a través do canon eólico, que nos últimos anos reduciuse de maneira considerable mentres aumenta a parte que xestiona directamente a Administración galega. Insua reclamou ademais cambios nos criterios que rexen os reparto na liña de axudas de concorrencia non competitiva. 

“A Xunta ten que deixar atrás ese falso paternalismo que lles fai pensar que hai que controlar aos concellos, e ten que deixar que voen sós”, sostivo Insua, defendendo así unha maior independencia dos entes locais para executar proxectos con cargo aos fondos que reciben do canon eólico. É que non se fían dos secretarios dos concellos, dos seus interventores ou dos alcaldes para levar a cabo os proxectos”?, preguntou dirixíndose ás bancadas populares.      

O canon eólico foi creado en 2009, segundo explicou Insua, como tributo galego para gravar a xeración de afeccións e impactos visuais e ambientais adversos sobre o medio natural e sobre o territorio, como consecuencia da instalación en parques eólicos de aeroxeradores afectos á produción de enerxía eléctrica. Os ingresos recadados xestiónanse a través do Fondo de Compensación Ambiental co fin de contribuír a regular e preservar o medio ambiente.

Segundo destacou Insua, desde o ano 2010 as ordes que regulan as axudas, tanto as de concorrencia non competitiva como as de concorrencia competitiva, foron modificando os criterios de reparto. Ademais, cambiou tamén a recadación do canon, que foi minguando e aínda o fará de maneira máis acusada no futuro- debido á repotenciación dos parques eólicos e ao inmobilismo da Xunta para modificar a base impoñible do canon, que até hai uns meses consistía no número de aeroxeneradores.

Polo tanto, recádase menos polo canon e, ademais, segundo se desprende dunha análise dos datos do Fondo de Compensación Ambiental entre 2010 e 2024, reduciuse paulatinamente a asignación fixa e non competitiva para os concellos que contan con parques eólicos ou liñas eléctricas. Malia o aumento na última convocatoria até os 3,2 millóns, houbo tamén unha diminución “drástica”  da asignación á liña de concorrencia competitiva á que podían optar todos os concellos.

Todo isto, engadiu, produciuse ao tempo que se incrementaron os fondos destinados á Administración galega, en detrimento dos concellos. “Ao goberno da Xunta non lles chegaba o 50 % da recadación don canon eólico (que establece a lei) senón que foi absorbendo máis fondos dos que se destinaban inicialmente aos concellos para destinalos a servizos de competencia exclusiva da Xunta que xestiona directamente ou delega nas entidades locais”, denunciou o deputado do BNG. 

Insua criticou, neste punto, a “financiación totalmente finalista” que impón a Xunta aos concellos impedindo, por exemplo, que destinen os fondos á construción de depósitos de auga contraincendios.

É por iso o BNG defende, tal e como propuña a iniciativa debatida, modificar os criterios de reparto dos ingresos recadados polo canon para atender mellor ás necesidades dos concellos e, entre outras cuestións, incrementar do 50 ao 75 %  a cantidade mínima a destinar ás entidades municipais. Así mesmo, Insua avogou por aprobar un programa plurianual para xestionar o importe sobrante do Fondo de Compensación Ambiental que non se destine directamente aos concellos, elaborando unha convocatoria de axudas que amplíe a relación de actuacións subvencionables.   

O portavoz de Administración Local do BNG lamentou o voto en contra do PP, ao que acusou de coartar a autonomía dos concellos, aos que intenta “tutelar”  aplicando na Xunta “o contrario do que defenden en Madrid”.  “Son os campións do engano á cidadanía”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG