Parlamento Galego

O BNG propón a creación do Fondo de Conservación da Natureza para financiar a preservación da biodiversidade

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará tamén reclama no Parlamento a aprobación dos plans reitores de uso e xestión dos parques naturais e a ampliación da Rede Natura   

O BNG propuxo no Parlamento galego a creación do Fondo de Conservación da Natureza como instrumento provisto de dotación económica plurianual e estábel destinado a preservar a biodiversidade -con especial atención aos espazos naturais protexidos- e a financiar actuacións de conservación, recuperación e ordenación, pero tamén de dinamización, coas que se contribúa a xerar ingresos nas distintas áreas protexidas e o desenvolvemento sustentábel das respectivas comunidades locais.

Segundo explicou o deputado Luís Bará ante a Comisión de Medio Ambiente, o Fondo contribuiría a cubrir a reducida dotación orzamentaria da que gozan os espazos protexidos e podería ter distintas liñas de financiamento ademais dos propios orzamentos da Xunta, como o cobro de sancións por infraccións contra o patrimonio natural, os impostos verdes ou as achegas de entidades públicas e privadas. Bará reprochou ao Goberno galego que xa existan modelos e experiencias de éxito a nivel de Estado grazas a este instrumento contemplado na Lei da Biodiversidade estatal, pero non na galega pola negativa do PP.

O deputado nacionalista tamén reclamou a elaboración dos plans reitores de uso e xestión dos parques naturais de Corrubedo, Baixa Limia-Serra do Xurés e Fragas do Eume, que aínda están en proceso, nalgún caso, máis de 20 anos despois da súa creación, e criticou que os dos outros tres parques dependentes da Xunta (Invernadoiro, Serra da Enciña de Lastra e Monte Aloia) foran aprobados aínda no último ano.

Nunha proposición non de lei, que non prosperou polo veto do PP, Bará demandou así mesmo a dotación dun plan de xestión para todos os espazos da Rede Natura, tal e como esixe a Unión Europea, e a ampliación da propia Rede, actualmente con menos do 12% de territorio protexido, fronte ao 28% de media estatal. Neste sentido, denunciou que a demora da Xunta na ampliación corresponde, non á preservación da natureza e o territorio, senón á defensa dos “intereses de grandes grupos económicos que teñen os ollos postos na explotación de moitos espazos naturais”.

“Proba disto é que sitios que no 2008 e no 2011, a proposta do goberno bipartito, se incluían na Rede Natura, como a serra do Suído, a serra da Groba, as Brañas do Deo ou o LIC do río Sor, agora non o están”, alertou, para a continuación sinalar que precisamente son estes algúns dos espazos obxecto do interese de empresas tanto do sector forestal como do enerxético. “Proba disto son tamén as portas xiratorias que empregan, como é o caso da ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, ou o ex titular tamén de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, ámbolos dous agora en Greenalia e Ence, respectivamente”, concluíu. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG