Parlamento Europeo

BNG propón unha batería de medidas para reverter a situación crítica da lingua galega e critica a inacción do goberno do PP

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas advertiu que a situación actual non só afecta á identidade cultural galega, senón que tamén pon en risco o acceso á lingua propia en sectores clave como a educación e a administración pública

A portavoz de lingua do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, alertou esta mañá durante a sesión plenaria a grave situación que atravesa a lingua galega debido ás políticas lingüísticas do PP. Durante a súa intervención, Queixas denunciou a inacción do goberno do PP e a súa falta de compromiso para reverter a perda de falantes.

"O Conselleiro de Lingua, lonxe de tomar medidas, mostra unha actitude conformista e renuncia a cambiar o rumbo da política lingüística do PP, que segue ignorando os avisos das institucións sobre a perda progresiva do galego" salientou Queixas.

Mercedes Queixas advertiu que a situación actual non só afecta á identidade cultural galega, senón que tamén pon en risco o acceso á lingua propia en sectores clave como a educación e a administración pública. A deputada insistiu en que garantir o galego nestes ámbitos é fundamental para que a cidadanía poida exercer os seus dereitos lingüísticos con normalidade. 

Para reverter esta situación, a deputada nacionalista presentou cinco propostas concretas, entre as que se inclúen a reactivación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a creación dunha mesa de diálogo con diversos axentes sociais e o incremento do orzamento dedicado á promoción do galego. Tamén demandou a retirada das iniciativas lexislativas que reducen a presenza da lingua nos medios públicos e instou a restaurar a lingua galega como requisito na función pública.

"A sociedade galega demostrou o seu compromiso co idioma e non vai calar ante os ataques contra a nosa lingua", afirmou Queixas, facendo un chamamento á responsabilidade do PP para apoiar estas medidas.

Queixas sinalou que o PP é quen defende que o galego vaia a menos “desde a imposición da ignorancia na lingua propia; que impón unha política regresiva achicándolle cada vez máis espazo ao galego e impoñendo o monolingüismo en castelán”, mentres que o BNG defende “que o galego avance; que se cumpran os acordos sociais e políticos; que se respecte o dereito a coñecelo como garantía para exercer a liberdade para usalo”.

O BNG reafirma o seu compromiso coa defensa e promoción da lingua galega, asegurando que continuará traballando para garantir a súa presenza e vitalidade en todos os ámbitos da sociedade. Queixas insta á Xunta do PP a abandonar a súa política de desleixo e a asumir a súa responsabilidade na protección e promoción do galego. "Non podemos permitir que o noso idioma siga perdendo falantes mentres o goberno permanece impasíbel. É hora de actuar con valentía e determinación", concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG