parlamento galego

BNG propón aumentar o investimento das prestacións ás familias con menores en risco de pobreza e exclusión social

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández

Ariadna Fernández advirte que o número de menores galegos en risco medrou dous puntos: un de cada catro nenxs xa está nesta situación

O PP veta a iniciativa nacionalista que tamén avoga por desenvolver un paquete de medidas urxentes neste ámbito e recuperar a Tarxeta Básica

O BNG defendeu na comisión parlamentaria de Sanidade unha proposición non de lei para que a Xunta incremente o investimento público nas prestacións dirixidas a familias con menores ao seu cargo en risco de pobreza e exclusión social, prestando especial atención ás familias monoparentais e ás numerosas, coa creación do Rexistro de Familias Monoparentais, comprometido polo Goberno do PP e que aínda non puxo en marcha.

A deputada Ariadna Fernández tamén propuxo na iniciativa que o Executivo galego cree un paquete de medidas urxente que teña como obxectivo reducir na medida do posible a porcentaxe de familias e menores en pobreza severa, cuxa privación material sexa grave, así como que recupere a Tarxeta Básica, como medida contra o aumento das familias en risco de pobreza e exclusión social e a taxa de pobreza, favorecendo o comercio local nas compras derivadas da tarxeta sempre que resulte posible.

De igual xeito, avogou por ampliar o parque residencial público do País, que leva estancado anos e non ofrece as vivendas necesarias para paliar o risco de pobreza, e por favorecer que a poboación galega en risco de pobreza ou que xa a sofre, acceda ao Ingreso Mínimo Vital (IMV), que só chega ao 11% deste colectivo.  

Fernández advertiu que o índice do risco de pobreza e exclusión social entre as e os menores aumentou case dous puntos, do 23,6% ao 25,5%, 93.400 nenos e nenas, segundo a Plataforma da Infancia, que debullou os datos sobre a enquisa de condicións de vida do INE. “É dicir, un de cada catro nenos ou adolescentes galegos menores de 18 anos está nesta situación”, recalcou, para subliñar a continuación que a pobreza infantil severa tamén medrou outros dous puntos, mentres no Estado este último índice apenas variou, evidenciando así o fracaso das políticas sociais do Goberno do PP.

“Hai 76.800 menores en Galiza vivindo en pobreza monetaria, o que significa que estes nenos e nenas non poden comer cada dous días peixe ou carne e 36.000, é dicir, o 20%, non poden vivir nunha casa con temperatura adecuada”, afondou a deputada nacionalista, quen tamén lembrou que o 30% das familias non poden facerlle fronte aos gastos imprevistos.

Neste contexto, Fernández criticou ao Executivo de Alfonso Rueda polo retraso de catro meses no abono do bono térmico e por eliminar tamén o a dito bono. “Habería que preguntarlles a eses nenos e nenas e a esas familias que opinan”, denunciou.

Neste sentido, tamén puxo o foco sobre o fracaso das políticas de vivenda do Goberno do PP, cando o 56,7% das persoas en risco de pobreza teñen que dedicar máis do 40% da súa renda a pagar o lugar no que viven, cun 9,2% dos galegos e galegas retrasan os pagos da vivenda.

Logo de lembrar que tres de cada catro galegos e galegas teñen serias dificultades para chegar a fin de mes, a deputada do BNG advertiu tamén sobre a situación específica das familias monoparentais, que nun 82% dos casos son mulleres.

“Mulleres que catro de cada dez sofren unha pobreza que as deixa completamente abandonadas pola súa parte porque están máis preocupados na nomenclatura das familias que en axudarlles cando están en condicións de vulnerabilidade”, afirmou, para insistir na urxencia de crear o Rexistro de Familias Monoparentais que, pese ao compromiso do Executivo, segue sen poñerse en marcha dende 2011.

Fernández ofreceu na súa intervención, na que deu conta dun caso real para exemplificar a dura situación das persoas que se atopan nunha situación de pobreza ou exclusión social, un último dato demoledor: o 45% dos nenos e adolescentes que viviron unha situación de pobreza, de risco de pobreza ou exclusión social, chega á vida adulta e perpetúan o ciclo. “Estámolos condenando dende pequenos a sufrir pobreza de maiores”, sintetizou. Pese aos argumentos da deputada nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG