O BNG presentou un paquete de 25 medidas concretas, realistas e factibles para combater a violencia machista nun 25N que non pode converterse nunha efeméride instalada na rutina e nos discursos baleiros, sen que implique compromisos e unha acción política decidida na loita contra a violencia de xénero.
Así o explicaron a portavoz nacional, Ana Pontón, e a responsable de Acción Feminista e portavoz parlamentaria de Igualdade, Noa Presas, que, xunto a unha ampla representación de deputadas, presentaron un conxunto de medidas para loitar de maneira transversal e en todos os ámbitos contra a violencia machista.
“Faltan medios, faltan recursos e falta acción política”, denunciou Pontón, quen advertiu que “o terrorismo machista non se vai solucionar nin con minutos de silencio, nin con lazos lila, nin desde políticas rutineiras” e, moito menos, “pactando, gobernando e mesmo asumindo unha parte do discurso negacionista da extrema dereita como está facendo o Partido Popular”.
Dende o convencemento de que o 25N ten que servir para a reflexión, a reivindicación e a concreción de propostas que permitan achegar solucións ao problema, as 25 medidas presentadas polo BNG están articuladas sobre cinco grandes liñas de actuación: incrementar os recursos económicos destinados a combater a violencia de xénero e os medios; aumentar as axudas directas ás vítimas; reforzar a rede pública de loita contra os machismos; e educar e formar en igualdade.
Entre as medidas propostas, a formación nacionalista avoga en primeiro lugar por destinar o 1% do orzamento da Xunta (130 millóns de euros) á loita contra as violencias machistas, unha proposta vetada polo PP. “Esperamos que esta vez rectifiquen e acepten a emenda do BNG aos presupostos de 2025”, indicou a portavoz nacional.
Nova axuda para as mulleres que queiran saír da prostitución
O Bloque tamén propón incrementar as axudas destinadas ás vítimas e actualizalas conforme ao IPC, algo que no foi quen de facer o Executivo do PP, e poñer en marcha unha nova axuda para que as mulleres que queiran saír da prostitución, poidan facelo a través dun programa específico.
No que respecta ao terceiro ámbito de actuación, o BNG aposta por reforzar a rede pública contra os machismos, dotando de atención psicolóxica integral a todos os centros de saúde de Atención Primaria, tal e como recolle a lei pero que segue sen cumprirse; ampliando todas as medidas de intervención en colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galiza; e revertendo a decisión do Goberno de Rueda de privatizar a xestión dos centros de crise 24 horas.
O PP facilita facer negocio coa loita contra a violencia machista
Unha decisión que, advertiu Pontón, permite “facer negocio coa loita contra violencia machista” ao deixar estes centros en mans de dúas multinacionais, OHL e Eulen, ás que se lles vai dar sete millóns de euros por un servizo que “debe estar prestado dende o ámbito público”. “É triste e unha indecencia que o Partido Popular pense que con todo se pode facer negocio, mesmo coa violencia contra as mulleres”, afondou.
Neste ámbito de actuación, a formación nacionalista tamén propón mellorar a rede de acollemento, aumentando os CIM (Centros de Información á Muller), revisando o sistema VioGen, así como todos os dispositivos electrónicos de protección, ou dotando a todas as cidades galegas de xulgados específicos de violencia de xénero.
Finalmente, a proposta do Bloque tamén pon o foco na educación e a formación en igualdade, con medidas como a recuperación da materia optativa de igualdade, a elaboración coa comunidade educativa dun plan de educación afectivo-sexual que garanta unha educación integral en todos os ámbitos e en todas as etapas educativas, ou a posta en marcha de programas de formación para todos os profesionais que interveñen na cadea de resposta ás vítimas, dende o xurídico, ao policial ou o sanitario.
A portavoz nacional contrapuxo as alternativas do BNG a un PP que nin sequera foi capaz de desenvolver plenamente a Lei galega contra a violencia machista, vixente dende hai 17 anos. “As administracións non se poden relaxar nin normalizar a existencia de violencia machista”, advertiu, para reclamar “máis medios e máis recursos” para que o 25N non quede nun día, senón que os 365 días do ano sexan 25 de novembro”.
A erradicación da violencia machista no centro da axenda política
Nesta mesma liña se pronunciou a responsable de Acción Feminista, Noa Presas, quen advertiu que o que require a violencia machista para ser realmente combatida “é que poñamos toda a nosa intelixencia colectiva e concretemos medidas para darlle resposta”. Presas advertiu que o 25N ten que ser unha data de loita, como foi sempre para o feminismo, mais tamén unha data na que desde as institucións e as diferentes administracións se pare a reflexionar e trasladen “propostas concretas”.
“Esperamos que as medidas que presentamos hoxe sexan benvidas e que haxa compromisos por parte das institucións, pois preocúpanos a normalización que está habendo da violencia machista”, afondou para rematar facendo un chamamento “a toda a sociedade galega” a sumarse ás mobilizacións que vai levar a cabo o feminismo esta tarde.
“Dende o BNG estaremos co feminismo galego de base e reivindicamos tamén que as administracións teñan ambición política para facer da violencia machista e da súa erradicación o centro da axenda política”, concluíu.