BNG lanza este 25-N unha campaña contra a privatización de servizos de atención ás vítimas de violencia machista

Presentación campaña 25N
Presentación campaña 25N

Noa Presas considera “absolutamente indecente” a decisión do Goberno de Rueda de entregar a xestión dos centros de crise 24 horas a Eulen e OHL

“Nin o 25-N nin o 8-M poden ser datas rituais nin efemérides disfrazadas de simples festexos en lugar de datas de reflexión para avanzar en dereitos”

O BNG celebrará o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o 25-N, cunha campaña “ácida e directa” coa que pretende rachar coa rutina desta efeméride e afondar na vertente reivindicativa e no avance dos dereitos. Baixo o lema ‘Feliz 25 N, multinacionais! a campaña, presentada pola responsable de Acción Feminista, Noa Presas, pon o foco na “absolutamente indecente” decisión do Goberno de Alfonso Rueda de privatizar os centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual.

“É unha campaña ácida e contundente coa que pretendemos, por unha banda, romper con esa ritualización que estamos vendo do 25-N e, pola outra, denunciar claramente que a violencia machista non pode ser un obxecto máis das privatizacións dos servizos públicos que exerce o Goberno do Partido Popular da Xunta”, explicou Presas, quen subliñou a ironía que agocha o lema escollido polo BNG porque “é obvio que os 25-N, igual que os 8-M non poden ser datas rituais nin efemérides disfrazadas de simples festexos en lugar de datas de reflexión, para avanzar en dereitos e avaliar que recursos temos para melloralos”.

Acompañada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin, as deputadas Mercedes Queixas e Ariadna Fernández, e outras representantes do BNG, Presas lembrou que no que vai de ano 4 mulleres foron asasinadas en Galiza e que en 2023 houbo case 8.000 casos en Viogén e máis de 1.400 ordes de afastamento, “datos que reflicten as vidas destrozadas polo machismo e que amosan ás claras que queda moito por facer e cal é a dimensión da violencia machista”, salientou..

De aí que o BNG optase por denunciar este ano que “a violencia machista non é un negocio”, declarou, aludindo á “indecente decisión” do PP de privatizar os centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual que van estar nos hospitais galegos pero que van xestionar Eulen e OHL, “dúas multinacionais amigas do PP” que van recibir por ese servizo sete millóns de euros.. “É unha irresponsabilidade que reborda calquera límite moral e desde logo é unha boa noticia para quen se beneficia desas contratacións pero unha mala noticia para as mulleres deste País”, considerou.

Neste punto, a responsable nacionalista de Acción Feminista subliñou que o pasado ano houbo máis de 900 delitos contra a liberdade sexual, un 20 % máis que o ano anterior, “o maior número e o maior aumento de toda a serie histórica, e iso que a maioría de casos non se denuncian”, advertiu. Referiuse, ademais, ao “brutal estudio” da Universidade de Vigo segundo o cal arredor de 1.500 universitarias en Galiza recoñecen ter sido vítimas dunha violación. O mesmo estudo apunta que menos dun 4% das mulleres vítimas vai a urxencias e apenas un 2 % denuncia.

“É demoledor e non podemos dicirlles a esas vítimas que non imos garantir a atención de forma pública e directa na propia sanidade pública e que imos deixar os centros en mans de empresas multiservizo sen que se garantan persoal suficiente nin a presencialidade”, afirmou.

Reclamou así a integración e consolidación dos centros que o PP decidiu privatizar no sistema da sanidade e da política social, dotándoos de recursos humanos e materiais para blindar a atención psicolóxica das vítimas.

“Neste 25-N berramos alto e claro: a violencia machista non é un negocio. Contra os feminicidios, máis recursos e máis servizo públicos”, concluíu Noa Presas, incidindo na idea de que fronte á violencia machista hai unha responsabilidade colectiva, da sociedade e das institucións, que deben impulsar recursos e medidas para protexer a vida das mulleres e erradicar o machismo.

Estragos no cartaz do BNG

Noa Presas fixo a presentación xunto ao mobiliario urbano alugado polo BNG para expor o cartaz da súa campaña do 25-N, que hoxe apareceu estragado. “As feministas sabemos que o feminismo molesta os sectores máis conservadores, pero desde logo temos que dicir unha vez máis que ninguén nos vai a amedrentar e que imos seguir aplicando esta campaña con contundencia e con firmeza ao longo de todo o país”, asegurou ao respecto, engandindo que “por moito que estraguen os cartaces haberá máis, e haberá máis campañas e máis propostas con firmeza”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG