O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza con representantes de distintos colectivos e asociacións de protección do medio ambiente así como de plataformas comarcais de defensa colectiva ante a agresión da implantación sen control e planificación de parques eólicos na Galiza. Rego, trasladou o seu compromiso con esta cuestión e anuncia a presentación de emendas na tramitación como proxecto de lei do Real decreto para eliminar os artigos 6 e 7 que pretenden prescindir dos trámites de alegación e participación cidadá, e que ademais presentará outra emendas para sentar as bases dun procedemento de implantación racional e que respecte a poboación, as terras agrarias e o medio natural e o patrimonio cultural.
A finais do mes de marzo o Goberno do Estado aprobou un Real Decreto que principalmente contiña algunhas medidas dirixidas a intentar paliar a subida dos prezos pero que agochaba dous artigos que eliminaban a posibilidade de participación pública nas autorizacións de parques eólicos de até 75 Mw e que permite prescindir da Declaración de Impacto Ambiental. “No momento da súa convalidación, o BNG logrou presionar o Goberno que se viu forzado a aceptar a súa tramitación como proxecto de lei e, por tanto, a posibilidade de modificar ou eliminar os devanditos” puntualiza Rego.
Ademais da supresión dos artigos, o BNG partillou, a súa vontade de presentar emendas ao texto que promova a revisión completa do actual modelo de implantación eólica e sente unhas bases realmente sustentábeis e respectuosas co medio e a poboación. “É fundamental lexislar para que non sexan as empresas, atendendo aos seus intereses privados, as que decidan onde queren implantarse; debe ser a administración a que decida en que zonas e condicións se instalen, garantindo que sexa en zonas sen afectación a vivendas, patrimonio histórico ou natural, terras agrarias e forestais ou a plataforma continental galega” subliña o deputado nacionalista.
“En todo caso é preciso garantir que se faga unha Declaración de Impacto Ambiental dos proxectos eólicos sempre, para asegurar o cumprimento das garantías ambientais, e ademais debe respectarse o dereito das e dos cidadáns a presentar alegacións e que estas sexan tidas en conta para a autorización final dos parques eólicos” reclama Rego.
O deputado do BNG salienta que é necesaria unha mudanza de modelo, pois “non podemos permitir a grave afectación que a implantación de todos os proxectos actualmente en trámite ou previstos terá no noso País, hai que protexer as persoas, o medio e o patrimonio. Esa garantía non pode ser eliminada para maior lucro das grandes compañías eléctricas”.