O BNG presentou hoxe, en público e por escrito, os compromisos que a formación nacionalista cumprirá coa cidade de Pontevedra dende o goberno galego liderado por Ana Pontón. Fíxoo na Ponte do Burgo, un lugar cargado de historia e simbolismo, por estar alí “as orixes e os cimentos da cidade” e “dende o que queremos amosar os nosos proxectos para un futuro transformador”, dixo o cabeza de lista Luís Bará.
O Bloque, afirmou o candidato, será un goberno aliado que “reme a favor” e coopere para o impulso e o relanzamento de grandes proxectos que o Concello de Pontevedra ten en carteira dende hai anos. “Se este concello foi capaz de avanzar de maneira impresionante durante 25 anos, e á vista está a transformación, canto máis vai avanzar cun goberno nacionalista na Xunta que coopere, colabore e impulse novos proxectos”, asegurou.
Bará fixo un relatorio de iniciativas ambiciosas dende tódolos ámbitos e debullou os compromisos do BNG un por un. Salientou, dende o ámbito económico, a creación de 800.000 metros cadrados de solo empresarial entre o polígono do Camiño e Fragamoreira nos tres primeiros meses de goberno, xa que dixo, “son fundamentais para evitar o estrangulamento da demanda”. Lembrou que estaban contemplados no plan de áreas empresariais do ano 2014 que o PP foi incapaz de desenvolver, “no caso de Fragamoreira como un exemplo clarísimo de sectarismo, paralizando o proxecto reiteradamente demandado polo goberno de Poio”.
O segundo gran ámbito das propostas do BNG é o referido á sanidade pública, coa garantía de uso sociosanitario do Hospital Provincial, e da posta en marcha dun Plan de mellora da Atención Primaria e Hospitalaria. O terceiro eixo aborda a recuperación produtiva e ambiental das rías de Pontevedra e Vigo, coa mellora das infraestruturas de saneamento e depuración, e co compromiso claro da dragaxe da canle e desembocadura do Lérez tras 15 anos de parálise por parte do PP.
A recuperación de espazos no dominio público marítimo terrestre, o impulso do traslado de equipamentos públicos da Xunqueira do Alba e dinamización do ENIL, que está a ser “okupado, con instalacións da Xunta de Galicia, dixo Bará, serán outros dos puntos fundamentais da acción do goberno de Ana Pontón. “É unha auténtica aberración a situación actual e o BNG impulsará o traslado inmediato de todos estes equipamentos”, concluíu.
En cuarto lugar Bará falou de Pontevedra como capital cultural. Afirmou que o BNG dende o goberno da Xunta apoiará os eventos e programacións xa moi consolidados na cidade (Salón do libro, Feira Franca, Festival de Jazz...) e dará maior presenza da programación do Xacobeo.
Sinalou neste punto “o grande proxecto faro da cultura galega” que será a promoción e potenciación do Museo de Pontevedra como Museo Nacional de Galiza e depositario da obra de Castelao. “Será obxecto dunha colaboración especial tamén no que ten que ver coa rehabilitación dos edificios históricos e de Santa Clara”, cun mínimo de dez millóns de euros para esta última.
Variante de Alba
A mobilidade e a ampliación e mellora da rede viaria terá como puntos centrais para o Bloque o impulso de dous proxectos “estratéxicos e prioritarios” como o da Variante de Alba e da Variante do Vao en Poio, absolutamente fundamentais para mellorar a mobilidade na zona Norte e Leste da cidade. Bará comprometeu tamén a urbanización e traspaso ao concello de vías urbanas que son propiedade da Xunta como a estrada de Marín (Mollavao e Estribela), Campo Lameiro (na zona do centro cultural e centro de saúde de Lérez) e Ponte Caldelas (zona de San Amaro)
En sexto lugar colocou o cabeza de cartel todas as propostas relacionadas co ensino e o campus da cidade: asegurou que a Xunta asumirá as competencias no mantemento dos centros escolares, coa modernización e mellora de centros educativos con actuacións de eficiencia enerxética, accesibilidade e acondicionamento de espazos exteriores, colaborará en proxectos como o novo edificio nos terreos de Tafisa e a creación dunha nova residencia universitaria, e mellorará a oferta formativa de FP.
Pontevedra como cidade do deporte será tamén obxecto de colaboración, ante a importancia da celebración de eventos. “A Xunta volcarase con esta vocación de Pontevedra”, dixo, anunciando tamén o impulso de infraestruturas deportivas como o proxecto do Complexo Lúdico-Deportivo da Parda, pendente de reactivación, e tamén do Centro de Tecnificación Deportiva e do Complexo Deportivo do Pontillón do Castro.
En canto a benestar social, Bará considerou necesario activar de maneira inmediata os convenios para poñer en marcha os centros de Amencer e Xoán XXII, pendentes de que se concrete a colaboración da Xunta, así como a transferencia da Cidade Infantil Príncipe Felipe ou da Unidade de Atención a Drogodependencias, que deben ser autonómicos. “Aquí entra tamén a mellora das escolas infantís ou o incremento da financiación do Servizo de Axuda no Fogar”, sinalou.
En noveno lugar falou o candidato da axenda verde urbana e da vivenda, destacando a necesidade de aproveitar a experiencia e coñecemento de Pontevedra para trasladala a outras cidades galegas. “Está aí o modelo urbano e queremos colaborar para que esta experiencia se leve a outras cidades, así como tamén no relativo á prevención e xestión de residuos, impulso da compostaxe de biorresiduos”, cos Plans Composta ou o Revitaliza. Sinalou, así mesmo, a colaboración na recuperación de espazos urbanos como o do río dos Gafos e os humidais de Pontevedra, e da dotación de vivenda pública mediante a compra de vivenda baleira e a construción de vivenda pública para aluguer social, unha grande demanda.
En décimo lugar, sinalou todo o relacionado cos montes e a política forestal. Destacou que o BNG tamén quere beber da experiencia de Pontevedra no deseño de grandes parques foresetais periurbanos, que ademais de ser espazos de lecer e expansión son tamén espazos protectores fronte á ameaza cada vez máis presente dos grandes lumes.
Por outra banda, o BNG comprometeu o impulso doutro grande proxecto faro no Pazo de Lourizán “con máis ambición do que está a proxectar o actual goberno galego para que sexa un referente na investigación sobre os bosques e sobre o cambio climático, e a potenciación do centro de investigacións forestais de Lourizán. Por último, Bará anunciou que o BNG recuperará a delegación da Televisión de Galicia en Pontevedra, que ubicará no edificio de Benito Corbal.
“Hoxe o que queremos con esta declaración é pedir o apoio da cidadanía de Pontevedra para impulsar un grande proxecto ambicioso de transformacións para esta cidade, beneficioso para a xente do concello e a súa área de influencia. Un proxecto de futuro, que marcará un antes e un despois e que simboliza esta nova etapa que queremos empezar coa presidencia na Xunta de Ana Pontón”, sentenciou.
Bará realizou todos estes anuncios arroupado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, representantes do goberno local e da candidatura para o 18F, así como doutras integrantes do BNG. O rexedor destacou que para Pontevedra sería “algo estupendo” que o Bloque chegase a presidir a Xunta, “máximo cando ese goberno vai estar composto por un exconcelleiro de Pontevedra como Bará, coñecedor en profundidade de todas as demandas da cidade e comarca, porque vai defender todos estes compromisos con toda a vehemencia e a súa capacidade de convencemento”.