A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón presentou hoxe as medias “para avanzar no pacto galego contra violencia machista” que serán defendidas polo BNG na Comisión de Igualdade trala moción do propio BNG, aprobada por unanimidade, na Cámara galega en xaneiro de 2017.
A portavoz nacionalista destacou como prioridade incrementar os recursos e medios así como o compromiso real de todas as forzas políticas ante o que cualificou de “grave problema social e político”. A violencia machista non é “un fenómeno meteorolóxico”, a violencia machista: “golpea, acosa, asina e viola ás mulleres polo feito de sermos mulleres”.
Pontón lembrou que a UE denunciou no 2014, que “62 millóns de europeas” sufriron nalgunha ocasión violencia física ou sexual, un terzo da poboación feminina. En Galiza rexístranse 14 denuncias ao día e no ano 2018 foron asasinadas 3 mulleres e 58 dende o ano 2003.
Por outro lado, dixo, levamos 21 días do ano 2019 e xa foron asasinadas tres mulleres no conxunto do Estado e hai unha investigación aberta por outros cinco casos.
Para o BNG, e para min como muller feminista, recalcou Pontón, o prioritario e defender os dereitos das mulleres, “o dereito a vivir sen violencia, a non ter medo e a poder volver a casa sen ser agredida”. As boas palabras, os minutos de silencio e os lazos lilas, “non solucionan a violencia de xénero”.
MEDIDAS PARA AVANZAR NO PACTO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
En primeiro lugar, explicou Pontón, hai que cumprir a Lei galega nos ámbitos da “formación, sensibilización, educación, formación en xénero e violencia, investigación e atención psicolóxica. Programar os prazos para a formación de todas e todos os profesionais e garantir a atención psicolóxica na atención primaria para as vítimas de violencia machista”, porqué só 1 de cada 10 vítimas a recibe.
Os recursos, reiterou resultan imprescindibles polo que imos propoñer destinar o “1% do orzamento da xunta”, un de cada cen euros, para dar reposta a un problema social e político que afecta a máis da metade da poboación.
Tamén quereremos dar un paso adiante na lexislación e para iso propoñemos introducir o termo “feminicidio” porque os conceptos importan e non é igual referirnos a un crime pasional, violencia doméstica ou violencia de xénero. “Feminicido” afonda na dimensión política que teñen os asasinatos de mulleres polo simple feito de sermos mulleres.
Asemade, consideramos que as axudas ás vítimas deben ser incrementadas e pretendemos avanzar para conseguir que as indemnizacións ás vítimas de violencia machista sexan equiparadas ás das vítimas de terrorismo.
Sobre os medios de comunicación propuxo aplicar a Declaración de Compostela como requisito para calquera subvención. No ámbito da Xustiza crear unha Unidade específica de violencia machista na Dirección Xeral de Xustiza, xulgados exclusivos nas cidades. e suprimir os concertos educativos cos centros que segregan por sexo.
Outras das medidas son as referidas ao desenvolvemento dunha Lei galega de trata de mulleres en nenas así como suprimir os concertos educativos cos centros que segregan por sexo.
A DEREITA LANZA UN DISCURSO QUE É GASOLINA PARA O MACHISMO
Pontón aludiu á involución e recrudecemento da violencia contra as mulleres e acusou á dereita de lanzar un discurso que non é inocuo, “é gasolina para o machismo”. Neste sentido, cominou a Núñez Feixóo a abandonar a súa hipocrisía. Feixóo non pode afirmar o 25 de Novembro que non hai necesidade dun pacto galego contra o machismo e dous días máis o Partido popular quere apropiarse da iniciativa. Tamén resulta unha contradición que pola mañá diga que “está por reforzar a loita contra a violencia machista, e pola tarde apoie os pactos coa dereita extrema que quere derrogar as leis contra a violencia machista”.
Dende o BNG esiximos máis medios e recursos e non imos participar “en ningunha campaña de branqueo do PP” advertiu a nacionalista.
Finalmente, Pontón criticou a xestión política do Partido popular en materia de igualdade e manifestou que o “balanzo de Feixóo é retroceso tras retroceso” como demostrou a creación de Red Madre, vinculada ao Opus Dei e antiabortista, a supresión dos puntos de información ás mulleres, o financiamento de centros que segregan por sexo, o incumprimento da Lei galega contra a violencia de xénero, o boicot da Xunta de Galiza á folga das mulleres do 8M. Está e a folla de servizos de Núñez Feixóo para loitar contra a violencia machista.