A situación da sanidade pública durante o período estival centrará a pregunta que a portavoz nacional, Ana Pontón, lle fará ao presidente da Xunta no Pleno da vindeira semana, sobre todo tendo en conta que moitos concellos galegos, especialmente os costeiros pero non só, duplican, mesmo multiplican por tres ou catro a súa poboación.
Así o avanzou Olalla Rodil na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces, na que exemplificou co centro de saúde de Ribeira a “falta de recursos para atender a súa poboación permanente” que conta con dez prazas de médicos na quenda de mañá pero habitualmente, como veu denunciando o BNG, só atenden catro na maioría dos días, e cunha poboación que ten que esperar ata tres semanas para ser atendidos. Todo isto, nun contexto que pon “contra as cordas” a saúde dos galegos e galegas, e no que a Consellería de Sanidade pecha 840 camas para este verán”, nun momento “no que hai máis de 45 mil persoas esperando por unha operación cirúrxica”.
Nestes senso, a pregunta está orientada ás medidas que vai tomar o Executivo de Rueda para garantir o bo funcionamento da sanidade durante o período estival.
A ampliación da rede de escolas infantís públicas para garantir o acceso de todas as nenas e nenos menores de 3 anos a este servizo será unha das proposicións non de lei que o BNG levará para debater na Cámara. Rodil fixo referencia á publicación das listaxes definitivas nas escolas da Xunta nas que, en 2024 “quedaron en lista de agarda pola súa praza 1.700 crianzas”. Cun descenso da natalidade constante, “non hai prazas nin para a metade da poboación infantil, hai en total 30.200 prazas, 17 mil públicas, para 63 mil nenas e nenos de 0 a 3 anos”, lamentou.
Acusou ao Goberno do PP de gabarse de “facer gratuíto o ensino infantil cando non se garante praza nin para a metade de nenas e nenos”.
A viceportavoz primeira quixo destacar tamén a solicitude de comparecencia do conselleiro de Facenda para “dar conta dos informes que o Consello de Contas remitiu ao Parlamento, e denunciou que “a comisión relativa á esta institución leva máis dun ano sen reunirse cando “hai 25 informes que están pendentes de ser debatidos nesta Cámara”.
O BNG quere que o PP explique cal é a proposta do Goberno galego en materia de financiación autonómica, “un sistema caducado desde o ano 2014, que firmou o PP e que “non nos chega nin para soster os servizos públicos”. O Consello de Contas di que as transferencias que fai o Estado pola vía do sistema de financiación autonómica cubre apenas o 78% do custe de servizos esenciais para garantir os dereitos das galegas e galegos. Rodil cualificou de “buraco de 14 mil millóns de euros que non ingresamos e que son fundamentais para pagar a Sanidade, ou a educación ou as políticas sociais”.
Mentres iso acontece, vén de aprobarse a reforma do imposto de sucesións, algo que Rodil, respondendo a xornalistas, cualificou de “regalo fiscal” aos grandes patrimonios, o que supón a “dramática cifra de 2 mil millóns que deixa de ingresar o Goberno galego” para as políticas públicas”.
Por outra banda, a viceportavoz do BNG quixo destacar a Interpelación que lle farán á Conselleira de Medio Ambiente ao respecto da ampliación do proxecto da Rede Natura 2000, paralizado polo Partido Popular desde o ano 2011, unha decisión “plenamente consciente e intencionada” por parte do PP para “permitir a depredación do noso territorio e dos recursos naturais de todas as galegas e galegos e para engordar o negocio dun puñado de empresas moi amigas do Partido de Alfonso Rueda”.
Puxo como exemplo o “boom eólico depredador que pon en risco espazos naturais protexidos de enorme valor ecolóxico” ou na “megacelulosa de Altri que pretenden instalar na contorna da serra do Careón que estaba proxectada para ser integrada dentro da Rede Natura 2000”. O BNG quere saber “por que o PP frea a protección de espazos naturais de enorme valor para a biodiversidade do noso País e permite a degradación do noso territorio”.
Rodil quixo rematar anunciando que o Bloque levará a Pleno unha proposición non de lei “aproveitando o éxito dese partido da selección galega contra Panamá, para que se oficialice un “calendario estable, non só da selección galega de fútbol masculino senón tamén de todas as disciplinas do deporte feminino que tantos éxitos está a recoller. Subliñou que “temos dereito a ter unha selección oficial, a competir tamén a nivel internacional e por suposto a que todas disciplinas conten con ese apoio que supón unha selección galega”.
“Pídolle a Altri e ao PP que deixe de tratarnos aos galegos e ás galegas de parvos”
Á pregunta dun xornalista sobre a as declaracións de Altri nas que a empresa falaba de “desinformación” sobre o proxecto, na liña do expresado polo presidente da Xunta, Rodil pediulle tanto á empresa coma ao Partido Popular, que “deixe de tratarnos aos galegos e galegas de parvos”.
Aclarou que a “oposición popular masiva” contra a bomba ambiental na comarca da Ulloa, “é o resultado do que vimos no proxecto e que está a exposición pública na web da Consellería de Economía”. O informe di que “van incrementar ata tres graos a temperatura da auga do río Ulla, que se captarán 535 litros por segundo do seu caudal”, e que o que queren facer aquí “non ten nada de circular” senón que que o que pretenden é “producir 400 mil toneladas de celulosa soluble para exportar a outros países, algo que “tamén se recolleu no Diario Oficial de Galiza”.
“Igual chegaron aquí pensando que a xente non sabía ler ou que aquí non vivía ninguén, e deron cun pobo que se informa e que sae ás rúas a defender o dereito que temos a vivir do noso País e do noso territorio e non a que veña calquera a esquilmar os nosos recursos”, rematou.