Parlamento Galego

BNG pon en cuestión o compromiso de ampliar o horario do PAC de Rianxo tras o voto en contra do PP a facelo nos próximos meses

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez defendeu unha iniciativa para que no primeiro trimestre de 2025 o Punto de Atención Continuada funcione entre as 15.00 e as 22.00 h.

A deputada do BNG Rosana Pérez puxo en cuestión este xoves a vontade real da xerencia da área sanitaria do Barbanza de levar a cabo a ampliación do Punto de Atención Continuada (PAC) de Rianxo, compromiso adquirido para 2025 coa veciñanza que leva meses mobilizándose na rúa. O PP votou en contra de que a ampliación de horas se faga realidade nos primeiros meses do ano, tal e como pediu o Bloque na Comisión de Sanidade.

Facéndose eco desas demandas da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, Rosana Pérez defendeu unha iniciativa para que se dea cumprimento ao compromiso adquirido coa veciñanza durante o primeiro trimestre de 2025 ou, a máis tardar, antes do verán.  Compromiso que pasa, recordou, pola apertura do PAC dende as 15.00 até as 22.00 horas dos días laborábeis, co obxectivo de mellorar a organización do traballo, non sobrecargar ao persoal médico da quenda de tarde e dispensar a atención sanitaria que lle corresponde ao conxunto da poboación de Rianxo.

A mesma iniciativa recollía noutro punto a cobertura da totalidade das oito prazas de médicos e médicas de familia que existen no centro de saúde de Rianxo. Rosana Pérez recoñeceu, neste sentido, que a situación en canto ao persoal facultativo ten mellorado nos últimos meses grazas ás protestas da cidadanía, que masivamente saíu á rúa para exixir a atención sanitaria “que lle corresponde”, subliñou.

Porén, criticou que a Consellería de Sanidade actúe a golpe de mobilización e non para dar solución ás necesidades reais que ten a veciñanza que, insistiu, viuse na obriga de mobilizarse diante da “falta crónica de persoal” no centro de saúde, que durante moito tempo funcionou con tres ou catro profesionais de medicina de familia en lugar dos oito que lle corresponden. A día de hoxe, aínda falta por cubrir unha das prazas.

Rosana Pérez explicou que o PAC de Rianxo funciona só de noite, das 22.00 horas até as 8.00 da mañá os días laborábeis, e 24 horas na fin de semana. A consecuencia principal deste horario é que de luns a venres, en horario de 15.00 horas a 22.00 horas, son os médicos e médicas da quenda de tarde os que asumen as súas propias consultas programadas máis a atención urxente no centro ou a domicilio dos profesionais da quenda de mañá, que son maioría, resultando unha “desorganización” e unha enorme carga de traballo “difícil de asumir e que afecta á demora da atención dos pacientes”.

Estas condicións, advertiu a deputada nacionalista, complican ademais que haxa profesionais que queiran exercer no centro de saúde de Rianxo.

Na quenda de réplica, a deputada da comarca condenou as “mentiras reiteradas” do Partido Popular, que nega os logros da Plataforma en Defensa da Sanidade pública e sostén que no centro de Rianxo hai unha cobertura do 100 % de prazas, cando aínda queda unha vacante.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG