A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o apoio do BNG á nai afectada por unha sentenza que cuestiona a custodia do seu fillo de curta idade alegando que o entorno no que vive, que define como “a Galiza profunda”, non é adecuado para crialo, pois non garante que medre “nun ambiente feliz” nin con oportunidades.
“Somos miles os galegos e de galegas, eu entre elas, que nos criámonos nun entorno rural, de pequenas vilas e parroquias do interior ou da costa, sen que iso supuxera ningún inconveniente, senón que formou parte da nosa formación, da nosa maneira de ser e de estar no mundo. Quen diga que vivir e medrar nunha pequena localidade de Muros é un lastre para desenvolverse feliz, simplemente non ten nin idea de como é Galiza e está chea de prexuízos”, salientou a líder do Bloque.
Por iso, a formación nacionalista considera que o Goberno galego non pode quedar “de brazos cruzados”, ante unha sentenza destas características. “Que ten que dicir o presidente a Xunta dunha sentenza que lle cuestiona a unha nai galega a custodia do seu fillo pequeno alegando que hai lugares de Galiza nos que non se pode criar a un neno porque non se garante o ambiente feliz, ni se lle ofrecen oportunidades?”, interpelou Pontón.
Neste sentido, o BNG demanda que o Executivo de Feixóo se poña en contacto coa nai de inmediato, “para ofrecerlle todo o asesoramento xurídico que precise e corrixir semellante atropelo”, subliñou a portavoz nacionalista, quen tamén considera que o Parlamento tampouco pode quedarse á marxe.
“Como primeira institución do País debe implicarse, e para iso imos impulsar unha declaración institucional para reivindicar o valor de vivir no rural ou en calquera lugar de Galiza, coa mesma dignidade e a mesma capacidade de desenvolverse como persoas e de ser feliz, igual que en calquera outra parte do mundo. Se me dan a elixir entre medrar en Marbella ou en Chorente teño clara a miña elección, e podo asegurar que me criei nun entorno moi feliz”, concluíu Pontón.