BNG pide á Xunta que exerza as súas competencias e actúe ante a modificación orzamentaria ilegal do Concello de Ourense

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés recorda ao Goberno galego que a tutela financeira é súa e que  a lei o obriga a actuar ante actuacións contrarias ao ordenamento xurídico

O BNG instou á Xunta no Parlamento galego a que, no exercicio das súas competencias, exercite as accións que procedan, incluídas as de carácter xudicial, a fin de restablecer a legalidade infrinxida polo Concello de Ourense coa modificación orzamentaria  2P/2021, publicada no BOP de 11 de agosto de 2021.

O portavoz nacionalista de Institucional e Xustiza na Cámara, Iago Tabarés, asegurou que a denominada polo propio alcalde ourensán como “mega modificación” é “ilegal e contraria a ordenamento xurídico”, logo de explicar que foi outorgada ao non presentarse unha moción de censura no prazo dun mes, despois de que a alcaldía vinculase a súa aprobación a unha cuestión de confianza despois de ser rexeitada previamente en pleno municipal.

“Obviando non só a doutrina do Tribunal Supremo, senón os seus propios acordos, a alcaldía e o grupo de goberno deciden dar por definitivamente aprobada a modificación orzamentaria e comezar a desperdiciar os recursos públicos”, reprobou, para a continuación cualificar este comportamento de “extraordinaria gravidade”.

“Vai contra a esencia do sistema democrático, utiliza un mecanismo como é a cuestión de confianza para evitar unha situación de bloqueo, que non é o caso, e aproba un orzamento sen posibilidade de presentación de emendas e impedindo a presentación de alegacións por parte das persoas interesadas, vulnerando a legalidade e o sentido común máis elemental”, resumiu Tabarés.

Neste contexto, o deputado nacionalista recordou que o ordenamento xurídico -tanto o Estatuto como a Lei de Bases de Réxime Local- e a Lei galega de Administración Local “imponlle á Xunta a obriga de intervir e mesmo lle outorga mecanismos específicos a tal fin”. “A Xunta ten a tutela financeira e está expresamente lexitimada para actuar contra aqueles actos que infrinxan flagrantemente o ordenamento xurídico”, afirmou para reprobar a continuación que “non pode mirar cara outro lado cando se dilapidan recursos públicos” e reclamar ao Executivo galego que non se escude na autonomía local, posto que a lei a obriga a actuar.

Ao seu xuízo, o que está acontecendo en Ourense “excede do ámbito local” e, segundo afeou ao grupo parlamentario do PP, “é dunha gravidade democrática que mesmo para os seus resulta intolerable e á que non debe seguir dando cobertura”. “Saben que a actuación do goberno de Ourense é ilegal, contraria a ordenamento xurídico e gravemente prexudicial para os intereses da cidade”, censurou. Pese a que, segundo recalcou Tabarés, a iniciativa nacionalista o único que pretendía “é respecto á legalidade e ao ordenamento xurídico”, esta non prosperou polo veto do PP.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG