A deputada do BNG, Noa Presas reclamou hoxe, a través dunha proposición non de lei, que Endesa favoreza a negociación dun novo convenio, trala perda do convenio de referencia, para recuperar as condicións comprometidas co persoal activo e pasivo, e iniciar accións co Goberno do Estado para recuperar a “ultraactividade” dos convenios colectivos con carácter retroactivo.
Por outra parte, a deputada tamén insistiu na necesidade de manter un diálogo constante coas forzas sindicais e colectivos de persoal pasivo que lembrou, en Galiza afecta a entre 4.000 e 5.000 persoas, de maneira especial nas Pontes e a súa bisbarra.
“Estamos a falar dunha situación xerada nunha empresa do sector eléctrico con consecuencias negativas despois dos procesos privatizadores permitidos e impulsados polos sucesivos gobernos centrais. Unha empresa pública estatal que hoxe dá beneficios millonarios a petos privados que cotizan en Roma ao tempo que explotan o noso medio e a nosa clase traballadora”.
Desta forma hoxe, no lugar de reverter os seus beneficios nas arcas públicas e fortalecemento industrial do norte de Galiza, podemos ver como avanza nun profundo camiño de descapitalización, denunciou a parlamentaria.
Noa Presas explicou que, despois de máis dun ano de negociación sen acordo do V Convenio Marco Grupo Endesa, a finais de decembro de 2018 a empresa disolveu a Mesa Negociadora, unha decisión, dixo, premeditada que obedece a “unha axenda oculta”. Para a deputada a responsable é a empresa pero tamén o Partido popular que impulsou a reforma laboral e a eliminación da ultra actividade e dun PSOE que prometeu recuperala antes de rematar o ano 2018, “e non o fixo”.
A folla de ruta de Enel, que opera como Endesa, afirmou, é trasladar o 100% de beneficios a dividendos que obriga a que todos os beneficios de Endesa pasen directamente a dividendos que, a súa vez, son cobrados por Enel, obrigando a Endesa a endebedarse para os novos investimentos, é a pescada que se morde a cola, unha descapitalización de manual” e que “levar por diante dereitos conquistados polos traballadores e traballadoras”.
Na súa intervención, a deputada explicou que Enel pretende liberarse dos “900 M€” reservados para os dereitos sociais do persoal pasivo destinados á xubilacións, incapacidade, Orfandade e Viuvez, desviando esa cantidade para dividendos”. A finais de 2018, Endesa no Estado español elevaba á alza a súa previsión de beneficios, prevendo chegar aos 1.500 millóns no 2019 e a 1.600 no 2020 e estímase que coas novas condicións, o impacto negativo na zona das Pontes pode alcanzar os catro millóns de euros.
“Non é un privilexio, é unha conquista social” reiterou a deputada que volveu reclamar à Xunta que non permaneza “indiferente” e demande do Goberno do Estado e da CNMV a elaboración dun informe sobre a descapitalización de Endesa, por parte de Enel, e dos beneficios expatriados, vía dividendos, por Enel no sector enerxético do Estado Español así como depurar as responsabilidades políticas precisas pola perda do control público sobre o sector enerxético a través das privatizacións.
Os votos do Partido popular impediron que a proposta defendida pola deputada do BNG, Noa Presas prosperara.