A empresa vasca acordou entregar a unha compañía chinesa os servizos de operación e mantemento da rede, que até entón prestaban compañías localizadas en Galiza, e o risco de perda de emprego afecta tamén a outros servizos como enxeñería e desenvolvemento ou atención telefónica que, pouco a pouco, Euskatel está levando fora do país.
“Un drama que está indo pinga a pinga pero que é moi grave, porque pode afectar a máis de 1000 postos de traballo, pois desta volta o persoal de R non será subrogado, senón que se trasladan a centros de traballo en Asturias ou Bilbao”, denunciou Presas, quen esgrimiu como proba un anuncio de traballo “que pide teleoperadores en Euskadi con coñecemento de galego para atención ao cliente de R en Galiza, postos que podían estar aquí van para o País Vasco ou Asturias”.
“É posible que a mobilización dos e das traballadores consigan unha solución, pero non é seguro, é en todo caso se o conseguen será polo seu esforzo, non porque a consellaría mirara para eles e hoxe traemos esta cuestión porque a Xunta ten que implicarse co sector das telecomunicacións”, salientou Presas.
“A semana pasada aprobamos que vostedes levaran a iniciativa e constitúan unha mesa de traballo. E nada fixeron. Foron recibidos pola Secretaria de emprego o 1 de agosto, pero desde entón, nada, seguen de vacacións? Que ten que pasar para que vostede os reciba? Non lle parece suficientemente preocupante a situación da area metropolitana da Coruña? Non sei a que espera pero pedímoslle que hoxe mesmo fale cos traballadores para constituír unha mesa galega de negociación que esixa que estes postos de traballo se manteñan en Galiza”, concluíu.