BNG pide retirar a licitación do contrato da planta de incineración de SOGAMA e abrir un novo procedemento con ofertas na dirección de reducir o queimado do lixo

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará  sinala que o “megacontrato” con 256M€ terá unha duración de dez anos e será unha “hipoteca” para as dúas vindeiras lexislaturas

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará formulou unha pregunta ao goberno en comisión sobre o contrato da planta de  incineración  de Sogama, “un megacontrato de 256 M€ cunha duración de dez anos comprometendo as vindeiras dúas lexislaturas”. O deputado pediu “retirar a licitación do contrato” e abrir un novo procedemento con ofertas para reducir o queimado do lixo.

Para o nacionalista, este contrato representa “unha hipoteca” para vindeiros gobernos e está trufado de “sospeitas e irregularidades” como a propia licitación realizada no mes de agosto e con só un mes para poder presentar as diferentes ofertas. Os licitantes, dixo o deputado, non tiveron acceso á documentación nin puideron visitar as instalacións para comprobar o seu estado.

Por outra parte, cuestionou os criterios de valoración  de proxectos, na súa  opinión “continuístas”  e sen valorar algunhas melloras entre as que destacou “a redución de residuos”. O deputado asegurou que o principal obxectivo de SOGAMA é “canto máis lixo se poida queimar mellor” un obxectivo contrario a “todas as directivas, normas e leis”, en material de residuos.

Por outro lado, explicou Bará, este contrato “blinda  por dez anos un sistema obsoleto, cóstoos, centralizado e contaminante”. Todo indica, remarcou o nacionalista que estamos “ante un contrato cociñado” dun grupo empresarial que controla case o 90% dos contratos de SOGAMA, un “verdadeiro monopolio” que xestiona, dende hai dez anos a  planta de incineración, a planta de clasificación, vertedoiro e planta de compostaxe, en total, “máis 500Millóns de euros”.

O BNG pide frear a licitación do contrato da planta de incineración de SOGAMA á que só se presentaron dúas empresas, unha delas, a actual concesionaria, Grupo empresarial  Valtalia.

O nacionalista subliñou que un contrato destas características debe contar con “máis ofertas e competitividade” cara unha mellor valoración das melloras  para a redución da incineración, polo que volveu a reclamar a retirada da licitación e abrir un novo procedemento.

Tras a resposta da Directora Xeral de calidade e cambio climático, Sagrario Pérez Castellanos que eludiu responder ás cuestións formuladas polo deputado do BNG, Bará volveu a solicitar a retirada do contrato da planta e reabrir un novo proceso “transparente” ao  que podan acceder as empresas en igualdade de condicións e contando coa información necesaria.

Na quenda de réplica, o deputado do BNG mostrou o seu malestar ante a negativa do goberno a remitir a documentación dos expedientes solicitado polo grupo parlamentario nacionalista. Bará afeou que a día de hoxe, a Xunta non conte cun Plan de Residuos ao que está obrigada ante a caducidade do actual e siga “introducindo, sobre a marcha, modificacións pola porta de atrás para evitar controis ambientais”.

 

Finalmente criticou a xestión da Xunta que coloca a Galiza no 15% en recuperación e  reciclaxe cando debería situarse no 50%, segundo reflexan os propios datos da memoria de SOGAMA. Estes datos, dixo “non son para presumir”, nin tampouco “queimar, incinerar e o vertedoiro”. Vostedes van ao revés porque a  SOGAMA debe chegar a menor cantidade de residuos para queimar. Isto que están facendo, reiterou Bará, “non é economía circular” na que os residuos poidan ter outro uso, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG