A deputada do BNG, María Albert, tras amosar o apoio do BNG á Plataforma Defende a Galega que mañá cumprirá 176 venres negros en protesta polo incumprimento da lei de Medios públicos galegos, preguntou ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo se realmente acredita no carácter de servizo público do ente que dirixe.
Albert lembrou a “demoledora” nota de prensa emitida polo Comité Intercentros da CRTVG alertando da “desaparición definitiva das desconexións territoriais que se realizaban a diario xunto con información local específica para as distintas áreas xeográficas” e engadiu que xa van 3 anos das desaparición dos informativos locais dan Radio Galega.
Ademais, salientou que o propio Colexio de Xornalista de Galiza remitiu unha carta a CRTVG destacando a “fonda preocupación” pola desaparición das desconexións que se viñan emitindo desde hai décadas.
Se vostede cre realmente na función de servizo público dos medios de comunicación públicos deste país e ten esa máxima enriba da mesa á hora de tomar decisións de xestión realmente vostede está a facer un traballo lamentábel” e non está cumprindo a lei. Nesta liña, Albert botou man da Lei de creación da CRTVG no apartado referido á “promoción e difusión da lingua galega ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso aos distintos xéneros de programacións e eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a tódolos segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos ...”
Estamos a falar do artigo 1, especificou a deputada do BNG, un artigo que marcaba natureza propia e funcións a cubrir pola corporación recentemente creada pero vostedes na Lei 9/ 2011 “lamiraron” o apartado da “máxima continuidade e cobertura xeográfica”.
Na súa intervención lembrou as palabras da portavoz Ana Pontón no debate da proposición de lei presentada polo PP e PSOE que derivou na Lei 9/2011 de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galiza. Naquel pleno, 2 de novembro de 2011, explicou Albert, Ana Pontón asegurou que “a lei pactada polo Partido Popular e o Partido Socialista, lonxe de ser un avance para os medios públicos, tense constituído nunha ameaza para o seu futuro”. E agora, 10 anos despois, aquí estamos. Debullando mes a mes até que punto as súas verbas foron “premonitorias”.
Os informativos locais, as desconexións territoriais, desapareceron “temporalmente” da grella de programación da TVG e retiraron de pantalla os programas de agro e mar, espazos culturais como o zig-zag para ocupar o espazo de emisión con “novas” de meses anteriores. A confirmación definitiva chegou a mediados deste mesmo mes cando deu arranque á programación outono-inverno e se manifestou definitivamente a desaparición das desconexións.
No ano 2010 vostedes pecharon as delegacións da Mariña, Pontevedra e Ferrol, que en gran medida operaba mediante subcontratas e fixérono no medio de ducias de enfrontamentos xudiciais polos que xornalistas e cámaras subcontratados foron declarados persoal da CRTVG.
Que vai acontecer agora coas delegacións que quedan despois da supresión dos informativos locais? É un paso previo á súa eliminación definitiva? volveu a preguntar a nacionalista.
Tras a resposta de Sánchez Izquierdo que xustificou a eliminación dos informativos e mesmo cualificou de “serodio” o concepto de informativos locais, a nacionalista replicou ao director xeral que “minte” cando afirma que eliminan os informativos locais para amplificalos noutros co obxectivo de potenciar a información transversal, incluíndo outras plataformas. “Que medios triunfan na información dixital? -preguntou a parlamentaria- triunfan nas redes os medios de proximidade”. “Rectifiquen e crean nos medios públicos deste pais”, concluíu.