O BNG pediu o rescate da concesión do servizo de urxencias á empresa de helicópteros Eliance por incumprimento reiterado do contrato, tanto ao non prestar o servizo en horario de orto a ocaso os 365 días do ano como ao non ter helicóptero de reposto en caso de necesidade de revisións ou avarías.
A deputada Montse Prado esixíu á Xunta de Rueda explicacións sobre por que permite a Eliance incumprir un contrato de máis de nove millóns de euros, especialmente cando se trata dunha empresa reincidente en fallos. Fíxoo nunha preguntoulle este xoves na Comisión de Sanidade á secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, á que emprazou a actuar de inmediato para rescindir o contrato e, namentres, esixir o cumprimento estrito da cobertura da totalidade do horario e a garantía dun helicóptero de reposto.
Acusou o PP de “actuar de comercial das empresas que prestan servizos para o Sergas mentres se pon en risco a vida e a saúde das galegas e dos galegos”. E é que as denuncias e incumprimentos dos profesionais do 061 son reiterados.
Na súa exposición, Prado sinalou que Galiza tan só conta con dous helicópteros para atender as emerxencias sanitarias, un con base en Santiago e outro en Ourense. Estes helicópteros fan unha media de catro servizos diarios, polo tanto os 25 días que estiveron inoperativos deixaron de realizar unha media de 100 servizos, “100 persoas que precisarían dunha atención rápida, especializada, diante dunha emerxencia, e que non a recibiron. Unha perda de oportunidade que pode significar consecuencias dramáticas”, salientou a deputada nacionalista.
A deputada denunciou que nos primeiros días de xaneiro de 2025 o helicóptero de Santiago foi trasladado a Sabadell para revisión, inicialmente por seis días, que se converteron en oito. Indicou que, apenas volveu o helicóptero de Santiago, o de Ourense foi tamén trasladado a Sabadell para revisión, quedando inoperativo durante 17 días. “Esta sucesión de fallos deixa á poboación galega sen un servizo de emerxencias esencial durante largos períodos”, apuntou.
A isto engadiu que, desde o 19 de marzo e até mediados de setembro, as horas de orto a ocaso chegan ás 16, catro máis das 12 que a normativa permite que os pilotos poden prestar servizo, e polo tanto, precisaríase un segundo equipo, circunstancia que non se está a dar. Este incumprimento afecta especialmente ás zonas máis afastadas e desprotexidas do País, como Muxía, Fisterra, Laxe, o Barco ou Xinzo, onde os helicópteros do 061 desempeñan un papel crucial ao non contar con outra alternativa de transporte sanitario terrestre eficiente.
Na súa réplica, Montse Prado acusou a secretaria xeral de “mentir” ao dicir que a atención “está garantida con toda a inmediatez e que en ningún momento a poboación queda desprotexida”. “O labor dun goberno non é vir a un Parlamento a mentir, o labor é dicir que medidas está tomando para non deixar desprotexida á pobación”, replicoulle.
“Supoño que se vostede tivese un familiar afogándose en Muxía, gustaríalle que estivese un helicóptero en 10-15 minutos con persoal especializado e non unha ambulancia básica sen ese persoal e sen os recursos sanitarios necesarios e que tardase hora e media en chegar a Santiago”, expuxo, para rematar asegurando que a prioridade do PP é “garantir a conta de resultados de Eliance na vez da atención sanitaria dos galegos e das galegas”.