“Cada minuto que o señor Baltar segue representando este Parlamento é unha vergoña colectiva” para o País . Así o asegurou este mércores a deputada Noa Presas, encargada de defender no Pleno a iniciativa rexistrada polo BNG para reclamar a reprobación da Cámara e a dimisión de Xosé Manuel Baltar como senador por designación autonómica despois de que o Tribunal Supremo o condenase penalmente por un delito contra a seguridade viaria.
“Reprobar e pedir a dimisión de Baltar Blanco é unha obriga ética e democrática”, subliñou a deputada ourensá, que comezou a súa intervención lendo a definición de exemplaridade, representatividade e lexitimidade, tres valores que —denunciou— deben acompañar un cargo público e que o senador do PP “non reúne nin por asomo”. A Intelixencia Artificial, ironizou, no poñería a foto de Baltar xunto a estes termos, senón acompañando a definición de “delincuente” como “persoa que comete un delito”.
A deputada nacionalista argumentou que a conducta de Baltar era xa “política e eticamente reprobable” desde que hai un ano e dez meses transcendeu que, sendo entón presidente da Deputación de Ourense, conduciu un coche oficial a máis de 200 km. por hora, “alqo que foi negado ata a saciedade, mentira tras mentira, polo señor senador, e que foi probado científica e obxectivamente deixando en ridículo as súas escusas e as do PP de Rueda e Feijóo”.
Un PP “incapaz de facelo dimitir” que, pola contra, optou por “premialo recolocándoo como senador para facer equilibrios internos entre o barrete e a boina”, engadiu a deputada do Bloque, que aproveitou para subliñar as cuestións que Baltar aínda non aclarou, como o motivo da súa viaxe ou quen conducía ese mesmo vehículo, menos dunha hora antes, cando foi multado en Allariz a máis de 170 km./h.
Un dos tres grandes misterios de humanidade
Tirando de novo da ironía, Presas afirmou que “os tres grandes misterios da humanidade son: onde está a tumba de Cleopatra, por que desaparecen barcos no Triángulo das Bermudas e quen conducía o coche que menos dunha hora despois pilotaba Baltar”. Un “guión semellante ao dunha telenovela” que, ademais, custoulle ao erario público pasar dunha multa de 400 euros a 1.200 por non identificar o condutor.
Para a deputada ourensá, resulta “bochornoso” e “absolutamente indecente” o uso de vehículos oficias pagados con recursos públicos “para un rally persoal do PP”, unha cuestión “moi seria” que representa “o modus operandi de quen entende as institucións ao servizo do beneficio privado e a impunidade de quen está acostumado a facer o que quere e como quere cos recursos públicos”.
A conducta de Baltar é así mesmo reprobable como “perigo público” posto que a “violencia viaria” custou en Galiza 89 vidas o ano pasado, manifestou Presas, subliñando que, ademais, “chove sobre mollado”. Neste punto, referiuse a Baltar Blanco como segundo ex presidente da Deputación de Ourense condenado, sendo o primeiro o seu propio pai, Baltar Pumar, sentenciado por prevaricación continua e enchufar 104 persoas no organismo provincial que a xornalista Cristina Huete alcumou como ‘A fábrica dos enchufes’. “Podiamos recordar aquí tamén os audios nos que o escoitamos (a Baltar Blanco) intercambiando postos de traballo por sexo”, agregou.
A deputada deu por probado que Baltar ocultou información, mentiu e manobrou para evitar as citas dos tribunais ata estar recolocado e aforado e que, malia iso, pediu a absolución por sufrir “persecución política”. “O que hai que oír! Eu si vin como militante do BNG persecución política, xente con medo a falar ou ir en listas electorais polas consecuencias nos seus traballos ou nas súas familias”, lamentou, xusto antes de proclamar: “Cre o ladrón que todos son da súa condición”.
Presas finalizou a defensa da iniciativa para reclamar a reprobación do senador por designación autonómica salientando que “as persoas non podemos estar por riba das institución” e advertindo que “en tempos de descrédito da política, de perda de confianza nas institucións, é unha irresponsabilidade mirar para outro lado”.
“Pola dignidade da política, pola dignidade deste Parlamento e pola dignidade de Galiza, Baltar debe ser reprobado e debe dimitir”, concluíu Presas no debate da iniciativa, que non saíu adiante polo voto en contra do PP, que mais unha vez deixou en evidencia a “dobre vara de medir” que aplica para manter os “equilibrios internos” entre boinas e berretes.