O deputado do BNG, Luís Bará lamenta, que unha vez máis, o PP impida un acordo para que o Parlamento galego amose “a súa rotunda oposición” á intención do goberno central de estabelecer peaxes nas autovías.
O deputado afirmou que a media é “regresiva”, establece barreiras económicas no acceso á servizos básicos como son as infraestruturas viarias, pon en risco a seguridade viaria e frea o desenvolvemento económico é cohesión social en Galiza.
Bará explicou que as autoestradas da época da AP9 están sendo nacionalizadas e liberadas de peaxe como a de Burgos-Armiñón, Tarragona-Alicante ou Sevilla-Cádiz, mentres na AP-9 “temos a condena de 29 anos máis de concesión e continuos e abusivos incrementos de peaxes”. Neste sentido tamén denunciou que “as demandas de transferencia a Galiza desta infraestrutura foron sistematicamente boicoteadas polo PP”.
A proposición non de lei defendida polo BNG tamén incluía realizar un estudo sobre o custo do rescate da concesión e negociar co goberno central a asunción do citado custo tendo en conta os beneficios xerados por esta infraestrutura ao longo de 40 anos.
O parlamentario do BNG reclamou demandar do goberno central suprimir a peaxe entre Rande e Vigo, sen que esta medida, explicou, “repercuta no incremento da peaxe da autoestrada e mentres non se produza a transferencia e o rescate da concesión”, negociar co Ministerio de Fomento e concesionaria o establecemento de bonificacións que xa existen noutras autoestradas e que permitan reducir o custo para as persoas usuarias atendendo a criterios de frecuencia de uso, horarios, viaxe de volta no mesmo día, tipos de vehículos e outros que se consideren de interese.
Bará cualificou de “escandaloso” o anunciou das peaxes nas autovías tendo en conta que en Galiza, “a AP-9 tras 40 anos de concesión recolleu uns beneficios de 3.000M€ e a estimación da empresa concesionaria até o final da concesión no ano 2048 suporía 14.556, 5 Millóns de euros de ingresos en total”, dos que 1.461 son atribuídos ás peaxes aprobadas polos convenios entre o Partido popular e o PSOE.
O deputado criticou “as bonificacións para outros territorios do estado” e reiterou a “oposición frontal, rotunda e contundente ” do BNG ante o establecemento de pago de peaxes en autovías de titularidade estatal. A demais, e a partir do debate aberto polo Ministerio de Fomento, considerou que é necesario “reabrir as demandas sobre a transferencia da AP-9” unha demanda “histórica e xusta” e que foi reiteradamente votada en contra polo Partido popular.