O BNG oponse rotundamente á implantación de peaxes nas autovías que cualifica de medida regresiva e cunha finalidade meramente recadatoria que obrigaría as galegas e galegos a pagar dúas veces, afirma a parlamentaria nacionalista, Olalla Rodil.
O BNG manifesta a deputada, pide ao goberno do Estado español que cese na teima de implantar peaxes nas autovías.“A cidadanía xa contribuímos cos nosos impostos á construción e mantemento destas infraestruturas” e Galiza xa se pronunciou de maneira contundente en contra deste tipo de medidas.
Rodil lembra que o Parlamento aprobou, por unanimidade, unha iniciativa impulsada polo Bloque Nacionalista Galego, no mes decembro na que amosabamos a nosa rotunda oposición á intención do goberno central de estabelecer peaxes nas autovías. A deputada reitera que a medida “é regresiva”, establece barreiras económicas no acceso á servizos básicos como as infraestruturas viarias, “pon en risco a seguridade viaria e supón un atranco para o desenvolvemento económico e cohesión social na Galiza.”
“Se o que se pretende é abordar a situación das autoestradas, dende o BNG exiximos ao Goberno español que desbloquee canto antes a transferencia da AP-9 para que sexa dunha vez galega e poidamos liberala das abusivas peaxes que converten esta infraestrutura nunha das máis caras de Europa”.