O deputado do BNG, Iago Tabarés pediu á conselleira de Política Social, Fabiola García, “unha rectificación” e transparencia ante as advertencias formuladas polos inspectores e inspectoras, as traballadoras de residencias, familiares e mesmo asociacións de veciños sobre as filtracións para informar aos centros da data das inspeccións.
Na súa intervención, o parlamentario do BNG explicou que na actualidade só existen 7 inspectores e inspectoras para o control de 984 centros de maiores e discapacidade, 690 centros residenciais e de atención diúrna de maiores, con pacientes psiquiátricos e patoloxías diversas, e 258 centros de discapacidade. “7 traballadoras para 948 centros, varias delas con destino precario e provisorio e con medios materiais escasos”.
Ademais, cualificou de grave que a Xunta continúe mantendo un sistema “que dificulta o traballo da inspección no control das irregularidades dos centros porque posibilita que as entidades sexan avisadas do día no das inspeccións”.
Neste sentido, asegurou que se e a data de inspección dun centro é fixada con antelación favorece que a entidade sexa avisada e podan encubrir algunhas das irregularidades como o exceso no número de usuarias, o déficit na rateo de persoal de atención directa, no xantar, rexistro de caídas, ou a aplicación de medidas de suxeición.
Ante as advertencias dos inspectores e inspectoras e as denuncias das traballadoras, tras unha reunión da secretaria xeral coas traballadoras da inspección acordaron mudar o sistema polo que as inspeccións eran fixadas con antelación pola xefa de servizo e autorizadas pola subdirectora. Co novo sistema, o inspector decidía o centro a inspeccionar entre os que tiña asignados debendo informar a xefa de servizo “só no momento de iniciar a inspección”, polo tanto co novo sistema a dirección da consellaría non coñecía o día e hora no que se realizaba a inspección impedindo avisar aos centros con tempo para agochar irregularidades.
Política Social, afirmou Tabarés tiña constancia, dende hai anos, de denuncias por filtracións e preguntou se nalgúns momento estas denuncias foron investigadas.
Persecución ás persoas denunciantes
Vostedes, engadiu o nacionalista, permitiron un cambio do sistema que impedía as filtracións dende arriba porque non tiñan máis remedio pola presión social pero volveron ao anterior sistema con “nocturnidade e aleivosía” e en vez de analizar as denuncias de inspectores e traballadoras se apresuraron a negar a veracidade e ameazar ás denunciantes.
A maiores, o deputado tamén recriminou que a consellería negue sistematicamente a documentación sobre expedientes abertos “por feitos moi graves” e obrigue aos deputados e deputadas a asinar asinar un compromiso de “confidencialidade” para poder ver os expedientes. A día de hoxe, seguimos pendentes de que remitan ao Parlamento galego, “expedientes por infraccións graves”, información que negaron e que, tras solicitar amparo á Mesa do Parlamento foilles novamente requirida pero pola que seguimos agardando.
“Prioricen a atención ás persoas, a defensa do seu benestar e dignidade e protexan ás traballadoras que, a pesar das precarias condicións laborais continúan dedicadas a procurar a calidade do servizo”.
Tras a resposta da conselleira Fabiola García que tildou de falsas as acusacións do parlamentario do BNG, o nacionalista recalcou que o sistema permite avisar aos centros e “existen denuncias de filtracións” por moito que vostede o queira negar e resulta “indignante”, que a máxima responsable de Política Social recomende aos denunciantes que formulen a súa denuncia en comisaria. O seu departamento, dixo, non debe dirixirse contra os inspectores, familiares e traballadoras.
Segundo os propios datos da consellería, entre os anos 2017 e 2020 fixéronse 5.376 inspeccións e incoáronse 74 expedientes sancionadores pero descoñecemos as sancións porque a consellería non facilita ese dato, reiterou o nacionalista.
Finalmente, Tabarés tamén se referiu a incoación dun expediente por falta moi grave e que antes de seren resolto, o centro foi beneficiado cun contrato dun millón de euros, vostedes preguntou de parte de quen están?, das empresas ou das persoas usuarias.
Comprométase cos maiores e coas traballadoras que reclaman “condicións laborais dignas” porque “non é o momento de perseguir ao denunciante”, concluíu.