O deputado do BNG, Luís Bará defendeu unha emenda de devolución do proxecto de lei de residuos e solos contaminados de Galiza e lamentou que o Partido popular rexeitara a proposta do BNG dunha estratexia “multierre” para “repensar, rediseñar, reducir, reparar, recuperar, redistribuír e reciclar” fronte ao modelo SOGAMA baseado “na incineración e transporte contaminante”.
Na súa intervención, o deputado amosou un recipiente de compost de máxima calidade para demostrar a conversión de residuos en recursos. Residuos, dixo, procedentes de materia orgánica e biorresiduos de orixe doméstica.
SOGAMA, modelo obsoleto, caro e ineficiente
O parlamentario remarcou que o modelo SOGAMA é “obsoleto, fracasado, ineficiente, costoso e ambientalmente indefendible” ademáis dun sistema centralizado que vai en contra de todas as normativas europeas. “Só recicla o 13% e estamos á cola do Estado”.SOGAMA, explicou o nacionalista, sin materia orgánica carece de combustible porque é “o seu alimento” pero mércanllo ao seu socio, Gas Natural, como nun “ círculo vicioso”. Esa, dixo, é a filosofía de SOGAMA e do Partido popular, a de Juan Palomo, “yo me lo guiso, yo me lo como”.
Bará recalcou que a lei obriga a recollida separada e tratamento separado da materia orgánica, premisa que “bota abaixo o sistema SOGAMA”, sin embargo, o PP continúa facendo trampa cando afirma que dende o 2015 aumenta o envío a SOGAMA do Plan Revitaliza, iso, aseverou “é falso”. Nos anos 2015 e 2016 os concellos da liña Revitaliza melloraron a recollida selectiva da materia orgánica como o concello do Partido popular de Mondariz balneario, “exemplo do Plan Revitaliza”, polo tanto, non é unha cuestión de siglas é unha cuestión de vontade política.
Na defensa da emenda á totalidade da lei de residuos, o deputado propuxo chegar a un acordo incluíndo o cambio de modelo SOGAMA, unha aposta polo tratamento dos residuos de proximidade, o Qm 0 para tratar “máis da metade dos residuos municipais”, establecer o sistema de depósitos de “devolución e retorno”, peza fundamental para que o plástico non remate inzando os nosos ríos e rías, romper co monopolio das grandes produtoras de lixo e grandes superficies comerciais presentes en ECOEMBES como “ lobby”. Está na nosa cultura “devolver o casco” igual que reciclar e compostar está no noso ADN, recalcou.
Reducir o desperdicio alimentario, depósitos de envases e fomentar a compra verde
Necesitamos marcar obxectivos sobre a reducción do desperdicio alimentario, fomentar dende as administracións a compra pública verde, unha bioeconomía e unha economía circular, engadiu.
É preciso, crear un imposto á eliminación e incineración en vertedoiros, crear o fondo de residuos para financiar medidas de prevención e transformar SOGAMA na Axencia de Residuos para a economía circular. Todas estas propostas, reiterou o nacioanlista son “avanzadas, contrastadas, realistas, posibles, eficientes e respetuosas co medio” para situar a Galiza á cabeza de Europa, concluíu.
A emenda de devolución foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.