O portavoz de Agricultura e Gandaría do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini), defendeu unha proposición non lei na que reclamaba “medidas de protección para a gandaría extensiva e axudas compensatorias contra os ataques do lobo”.
A iniciativa nacionalista acadou o apoio da comisión de Agricultura e Gandaría nos puntos referidos á : “elaboración de medidas de apoio e estratexias de mercado a respecto da comercialización da carne de vacún en extensivo. Establecer unha liña específica de axudas dentro do eco esquema de pastoreo extensivo do plan estratéxico galego para o novo PDR 2021-2027 que estableza un pago compensatorio polos servizos ambientais que prestan ademais doutro pago polo servizo de mantemento e coexistencia cos grandes carnívoros, oso e lobo. Ampliar o prazo para xustificar as axudas dende que se comunica a súa aprobación até que se presenta a conta xustificativa co gasto e estudar, xunto a propietarios de greas ou lexítimos representantes, estratexias para unha comercialización da carne de poldro que ofreza prezos razoables e economicamente rendibles”.
O deputado do BNG lamentou que os votos en contra do Partido popular impediran que prosperan tamén outras medidas incluídas na iniciativa nacionalista relativas a: establecer nas futuras ordes de axudas: “cun criterio semellante para o conteo de cuxos e vacas en extensivo vítimas dos ataques de lobo sen responder á presenza e identificación de restos e incluír nas ordes de axudas por danos o -lucro cesante- cunha valoración axeitada á realidade. Neste sentido, e a xuízo do deputado, “a obriga da identificación” de restos tras un ataque do lobo no sistema da gandaría extensiva, non é “nin eficaz nin operativa” polas dificultades que presenta o control dunha grande extensión de terreo utilizado por este tipo de gandaría.
Xosé luís Rivas (Mini) reiterou que todos os apartados da iniciativa do BNG buscan corrixir “os enormes erros cometidos no pasado pola consellería a respecto das ordes de axudas” así como intensificar a prevención e “resarcimento de danos”. O debate, dixo, debemos centralo en dilucidar se o lobo e necesario ou non. No caso de non ser necesario hai que erradicalo pero si cumpre unha función na biodiversidade, no control de porco bravo porque unha manda de lobos pode eliminar entre 250 ou 350 xabarís, entón hai que establecer unha relación distinta con esta especie. Rivas lembrou que os corzos, cervos e xabarís son portadores da brucelose causante de grandes perdas na gandaría extensiva de vacas e ovellas.
O deputado do BNG pediu unha “reflexión” sobre situación do lobo, así como as súas condicións de poboación elaborando un censo obrigatorio cada dous anos xa que dende o 2013 non foi actualizado. Na súa intervención, Rivas rexeitou enerxicamente “os ataques do lobo” pero puntualizou que a quen hai que protexer, con todas as medidas necesarias, é aos gandeiros e “deixar de botar tantas culpas ao lobo”, recalcou.