parlamento galego

O BNG pide a Feixóo que rectifique e retire o o expediente sancionador ao xinecólogo de Verín

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas ao conselleiro de Sanidade: “Quixeron pechar pola porta de atrás un servizo sanitario público en Verín, e saíulles mal”
Na intervención da interpelación ao conselleiro de Sanidade, a deputada do BNG, Noa Presas non escatimou criticas contra o Presidente da Xunta e as persoas que cualificou de “secuaces” por secundar a orde para abrir un  expediente sancionador  contra o xinecólogo de Verín, Javier Castrillo. Vostedes, dixo a nacionalista, “quixeron pechar pola porta de atrás un servizo público, a sala de partos de Verín, e saíulles mal”. Non esperaban a resposta de miles de persoas, de toda a veciñanza de Verín, das nais, das médicas e enfermeiros e do movemento feminista galego.

Verín, lembrou a nacionalista, converteuse aqueles días na “capital da dignidade, no símbolo do dereito á sanidade pública e das mulleres a ser nais cerca da súa casa” e por iso, víronse obrigados  a rectificar, “morderon a lingua e deixaron pasar as eleccións” e agora queren “cobrar a vinganza” pero  en Verín  a xente “non ten medo” e grazas ao diario do Támega destapáronse informes que falan por si mesmos.

Hoxe pola  maña nesta mesma Cámara, Feixóo falou de “retorcer, manipular e mentir” e mesmo chegou a afirmar  que “non existía o expediente disciplinario”, porque a  denuncia fora formulada  por unha pediatra e o informe ordenado polo xerente da EOXI de Ourense, Félix Ruibal.

A nacionalista insistiu en pedir explicacións sobre o expediente impulsado por “un cargo político da Xunta” e preguntou ao titular de Sanidade porque tardou máis de dez meses en facerse efectivo. Este proceder, dixo “cheira que apesta” e cheira sobre todo a unha orde lanzada dende Monte Pío.

Teñen que explicar, porque á Xunta lle preocupa un desacordo entre profesionais que non ten ningunha consecuencia sanitaria e sen embargo, “non investiga ningún dos graves feitos que viviron dúas nais no proceso de intento de peche da sala de partos, obrigadas a separarse dos seus bebés contradicindo todos os protocolos.

O PP castiga  ao doutor Castrillo e ameaza aos profesionais

Con cada desculpa que esgrimen, engadiu a nacionalista, máis nos convencen da súa intención de castigar “a figura do doutor Castrillo e mandar unha ameza aos profesionais sanitarios” de que si responden e falan poden recibir “o castigo do goberno de Torquemada” ironizou Presas comparando ao presidente da Xunta co inquisidor.

Tras a resposta do conselleiro de Sanidade, a deputada do BNG replicou que Feixóo e o titular de sanidade deben “pedir perdón” ao doutor Javier Castrillo, a veciñanza e profesionais.

 “Verín non se pecha e non o van conseguir con extorsións nin ameazas porque como din alí, se nos tocan a un, tócanos a todos os que defendemos a sanidade, os dereitos reprodutivos das mulleres e o dereito a unha vida digna no rural”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG