O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a localidade de Betanzos para trasladar as iniciativas rexistradas na cámara baixa pola decisión do executivo estatal de cancelar as obras de reforma do local propiedade de Correos. Rego, acompañado pola voceira municipal, Amelia Sánchez, e a responsábel comarcal do BNG nas Mariñas, Cristina López, denuncian o malgasto que supuxo o mantemento do contrato de aluguer dun local durante dous anos sen que existise previsión para retomar no futuro a obra de acondicionamento e mellora do local propiedade da sociedade estatal.
O local alugado, desde 2018 a 2020, alugouse para poder levar a cabo unha reforma integral no inmóbel propiedade de Correos. Iniciouse o proceso de procura en 2016, mais non foi até 2018 en que se atopou o local sito na Praza do Emigrante. Mais, a pesar deste aluguer, a propia Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos recoñece que “transcorrido o primeiro ano de contrato, e estando no segundo ano de vixencia do mesmo, determínase abandonar o proxecto”. Con todo, cabe destacar que, nese momento, aínda non estaba redactado o proxecto de reforma do local propiedade da Sociedade Estatal.
“Resulta absolutamente incomprensíbel que se dispoña a iniciar un contrato de alugueiro antes mesmo de ter redactado o proxecto e saber o custo que ía supoñer” denuncia o deputado do BNG. Rego indica que se pagaron 24.000 euros durante o primeiro ano de contrato de alugueiro e 27.500 durante o segundo ano, “gastos aos que hai que sumar o custo das redaccións- o valor estimado era de 165.574,53 euros- dos proxectos de reforma que finalmente non levarían a cabo”.
“Alugar este local para comezar o proxecto de reforma e acondicionamento do local de Correos en Betanzos non foi unha decisión adecuada e eficiente do punto de vista do gasto. O mantemento dun contrato de alugueiro durante dous anos sen que se chegue a empregar o inmóbel e mesmo sen que se chegue a levar a cabo a contratación da redacción do proxecto é un disparate” recrimina Rego.
Tamén resulta contraditoria a información que afirma que se realizaron os proxectos durante eses dous anos cando en xuño de 2018 era solicitada ante o Concello a licenza de obra para a rehabilitación do edificio propiedade de Correos, presentando xunto á solicitude o correspondente proxecto xa redactado. De feito, fíxose público que o orzamento previsto era de case un millón de euros e que se pretendía ocupar a totalidade do edificio incorporando a primeira parte para dedicala a selección, clasificación e repartición de correspondencia.
A formación nacionalista quere coñecer as razóns reais polas que se decidiu cancelar a obra de reforma e as datas en que se licitou, adxudicou e redactou o proxecto, de ser certo que existiu tal redacción no momento de contratar o alugueiro do local provisional. “Queremos saber se existe a previsión, por parte de Correos, de retomar no futuro a obra de acondicionamento e mellora do local que actualmente ocupa e que é propiedade da sociedade estatal para así prestar un mellor servizo a Betanzos e a súa zona de influencia” incide o deputado nacionalista.