O deputado do BNG, Iago Tabarés formulará una pregunta parlamentaria ao goberno sobre a “idoneidade” do ex-presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar para obter e desempeñar a condición de senador por designación autonómica.
No texto da pregunta, que será debatida en sesión plenaria, o deputado nacionalista explica que á instancia do grupo parlamentar do Partido Popular o pasado 28 de xullo o Parlamento galego ratificou a proposta de Xosé Manuel Baltar Blanco como senador por designación autonómica.
Tanto no momento da súa proposta, como da súa posterior designación, Baltar Blanco estaba “inmerso nun procedemento penal no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Pobra de Sanabria pola comisión dun delito contra a seguridade viaria”. O delito do que é “presuntamente responsable” consiste na condución a 215 km/h nun treito limitado a 120km/h.
O vehículo no que “presuntamente” se cometeron os feitos, engade o deputado do BNG, pertencía ao parque móbil da Deputación Provincial de Ourense e nin a acusación formulada polo Ministerio Fiscal e as denuncias contra Xosé Manuel Baltar Blanco por “presunto” uso irregular de vehículos do parque móbil da Deputación Provincial de Ourense, impediron que o grupo popular cuestionase a súa idoneidade para ostentar o cargo de senador por designación autonómica.
Novas probas sobre presuntos cobros de comisións
Ademais, recentes publicacións informan que na fiscalía territorial de Ourense se están a tramitar dilixencias informativas de carácter penal como consecuencia de distintas comunicacións nas que presuntamente o irmán de D. Xosé Manuel Baltar o relacionaría coa percepción de comisións de empresas que contratan coa Deputación Provincial de Ourense que presidía.
Para o deputado, a tramitación de dilixencias penais por parte do Ministerio Fiscal por feitos de tanta relevancia relacionados coa xestión de fondos públicos e mesmo o eventual financiamento de partidos políticos, exixen unha valoración do Partido Popular sobre si Xosé Manuel Baltar é a persoa adecuada para ostentar a representación de Galiza no Senado.