Tras mostrar unha queixa pola ausencia da secretaria Xeral Técnica da Consellería de Política Social, Francisca Gómez encardada de responder á pregunta parlamentaria formulada polo deputado do BNG, Iago Tabarés a respecto das denunciadas de inspectores e inspectoras sobre avisos das datas nas inspeccións ás residencias de maiores, o nacionalista pediu a “dimisión da conselleira de Política social e o cese da Secretaria xeral”, por “mentir e agochar o acontecido” en sede parlamentar.
O deputado insistiu en que por “dignidade” a cúpula de Política Social debe “dimitir” de inmediato e replicou ao director Xeral de Familia, Jacobo Rey Sastre e substitución da Secretaria xeral para responder ao deputado, que a conselleira non pode tolerar as irregularidades detectadas nas residencias de maiores, entre as que destacou : máis residentes dos autorizados, menos persoal do exixido, medidas de suxeición non autorizadas, falta de comida contratada e programada e sen cambios de cueiros ou posturais recomendados.
A todas estas irregularidades, sumou a carencia de persoal que obriga ás traballadoras da quenda de noite a levantar ás seis da mañá ás persoas residentes para duchalos, almorzar e volvelos vestidos á cama.
Para o deputado, as filtracións da data para as inspeccións están relacionadas coa intención dos centros para ocultar as graves condicións dos residentes e facer ineficaces as actuacións para seguir permitindo “a impunidade das irregularidades”.
Iago Tabarés acusou á cúpula de Política social de “mentir e agochar a verdade a este parlamento” e agregou que “non se realizou unha investigación rigorosa para coñecer os feitos denunciados sobre “inspección avisadas” e limitouse a dar un “escarmento aos denunciantes”.
A xuízo do deputado “as infraccións son moi graves” e unha “vulneración dos dereitos fundamentais”.
Tabarés mostrou a súa queixa ante a negativa do director xeral de Familia, Jacobo Rey Sastre a responder ás cuestións concretas formuladas polo BNG sobre a data na que foi incoado o trámite de información, o procedemento administrativo co trámite de información previa e os actos de “instrución e investigación que se realizaron” así como as persoas/entidades que declararon nos mesmos.
O deputado lembrou que na interpelación do BNG á conselleira de Política social, Fabiola García negou as acusacións e cualificounas de falsas pero anunciaba medidas para confirmar a súa veracidade e no caso de seren certas depurar responsabilidades.
Dende o BNG queremos saber, dixo se a conselleira atendeu as nosas suxestións ou “continuou co proceso de represalia á denunciante” e tamén queremos coñecer os actos de investigación realizados, porque temos serias dúbidas, a raíz das manifestacións realizadas en sede parlamentar pola propia secretaria xeral, “sobre o rigor e seriedade da mesma” e despois de constatar que non se tomou declaración a denunciante e o que se investigou foi a que asociación pertencían os inspectores e inspectoras.
En novembro de 2020 diferentes colectivos denunciaron que a Xunta deu avisos previos ás inspeccións que realiza nas residencias de maiores. Pola súa parte, a Federación provincial de Asociacións de Veciños de Lugo pediu publicamente inspeccións nos xeriátricos sen aviso previo”.
Na mesma liña, engadiu o deputado, a Federación Galega de Asociacións de familiares e usuarias de residencias e da dependencia expresou publicamente “a súa convicción de que dende política social avisábase a determinadas empresas de que as súas residencias serían inspeccionadas en datas próximas para que estivesen preparadas para sortear positivamente o labor inspector”.
Todas estas denuncias son públicas e con testemuñas que afirmaban que os días de inspección había máis persoal nos centros do habitual “somos sabedores de que no centro recibiron aviso de que ían ser inspeccionados”, recalcou.
O parlamentario concluíu a súa intervención reiterando a petición do cese da cúpula da consellería de Política Social e da súa titular.