BNG pide a CRTVG que cumpra a lei e garanta un servizo público

Olalla Rodil e María Albert
Olalla Rodil e María Albert
Rodil lembrou que a corporación incumpre a elección do director xeral, o consello de informativos e o estatuto profesional, incumprimentos que vulneran os dereitos das traballadoras e traballadores

A través dunha pregunta parlamentaria ao Director Xeral da CRTVG, a deputada do BNG, Olalla Rodil pediu que a corporación cumpra a lei e garanta as funcións de  servizo público. A nacionalista   recalcou  que “despois dunha década” segue sen cumprirse a elección do director xeral, que debe ser escollido no Parlamento galego por unha maioría de dos terzos, a aprobación do estatuto profesional  e consello de informativos.

A xuízo da deputada, os incumprimentos da CRTVG “vulneran os dereitos das traballadoras e traballadores” aos que se lles impide a súa participación na liña editorial, contidos e diferentes aspectos do contrato programa, unha ferramenta de traballo para a planificación estratéxica, tanto económica como financeira e deseño das programación.

Na súa intervención, a nacionalista considerou que a CRTVG debe cumprir un duplo obxectivo, ser un verdadeiro servizo público e chegar a un maior número de audiencia respondendo a un criterio de planificación máis amplo que o “interese particular” e neste ámbito, dixo, “xogan un papel determinante os contratos  programa”.

Este tipo de contratos, explicou  están reflectidos na propia lei de medios públicos e audiovisual de Galiza e a pesar de estar en vigor, hai máis de unha década “incúmprense  de maneira reiterada”.

Os contratos programa deben ter unha vixencia de tres anos e “non foi asinado nin sequera o primeiro” e a maiores, deben contar co consenso da Xunta e a CRTVG, previa información á Cámara galega. Anualmente debe facerse público o grao de cumprimento na comisión de control da Corporación Radio e Televisión de Galicia.

A nacionalista asegurou que o resto de corporacións do estado contan con esta ferramenta, “a FORTA ten os seus contratos programa” e dende o inicio do ano 2.000 son asinados con carácter periódico e rendendo contas. Polo contrario, en Galiza non se da esta situación e a CRTVG sempre utiliza a escusa dun conflito coa Axencia tributaria polo IVE, “unha escusa barata” que non inflúe nas outras corporacións como a Vasca, Cataluña e  Comunidade de Madrid.

A deputada explicou que os contratos programa fixan as porcentaxes e número de horas de emisión dos diferentes xéneros. Hoxe, no escenario da dixitalización, dixo,  urxe incorporar outros soportes e formatos na planificación e nese sentido, dende o BNG pedimos información sobre o número de horas e porcentaxe da programación da radio e televisión pública   e con especial atención a aqueles ámbitos que atinxen á sociedade galega nas súas diferentes vertentes.

Tras a intervención do Director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, a nacionalista acusou ao titular da corporación de “mentir” para xustificar que existe un conflito co IVE para negarse a elaboración e sinatura do contrato programa e amosou varios exemplos doutras corporación con datos requiridos. “Tele Madrid fai unha previsión de investimento para tres anos” e así o resto das corporacións, agás a CRTVG que non reflicte as cantidades que en distintas ocasións reclamamos coñecer, recalcou.

“Vostede utiliza unha escusa consciente” para incumprir a lei e teñen que asinar o contrato programa porque  que é “un mandato legal”. Dende o BNG reclamamos unha planificación estratéxica a tres anos vista e traela a esta cámara, consultala co Parlamento galego e aprobala coa Xunta que ten as previsións orzamentarias para os medios públicos audiovisuais de Galiza.

Rodil concluíu a súa intervención avogando por uns medios públicos de “proximidade, calidade e na lingua propia do noso país”.

Denuncia do maltrato a programas útiles e necesarios como Labranza

Na mesma comisión parlamentaria, o BNG tamén denunciou o “maltrato” a programas “útiles, necesarios e senlleiros” como O Agro, Ferrado e medio ou Labranza, este último sobre o que a deputada María Albert exemplificou o desleixo co que trata a dirección da CRTVG a este tipo de espazos.

Así, Albert lembrou que Labranza é dende 1991 líder durante a súa emisión os domingos na faixa horaria do mediodía, cunha audiencia que supera en máis de tres puntos a media da primeira canle da TVG, o que dá conta do interese que esperta e pese ao que sofre un maltrato horario “incomprensible”.

Neste sentido, advertiu que os “problemas e bailes ” do programa comezaron xa antes da pandemia e continuaron posteriormente, mesmo coa súa interrupción durante máis de dous meses no verán de 2019, incumprindo o convenio vixente entre o ente público e a Consellería do Medio Rural que compromete a emisión de 52 programas e polo que o departamento da Xunta achega máis do 50% do orzamento destinado a Labranza, O Agro e Ferrado e medio.

“Parécenos extremadamente grave que se abunde na precarización de programas coma estes, que definen ben cal debería de ser o carácter prioritario da programación dos medios públicos que pagamos entre todas e todos os galegos, en beneficio dunha evidente mediasetización da programación dos nosos medios de referencia”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG