BNG pide comprar produto galego e no comercio local para axudar á reactivación económica e social

Goretti Sanmartín e Ana Pontón
Goretti Sanmartín e Ana Pontón
Destaca a capacidade do sector para xerar emprego e dinamizar as vilas e cidades e lanza a campaña Mellor local, mellor galego

O BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local baixo o lema Mellor local, mellor galego e cunha dobre petición aos galegos e as galegas: consumamos produto do país e consumámolo no comercio de proximidade, animando á cidadanía a axudar, coa súa opción de compra, á reactivación económica e social dun sector que xera miles de empregos e que, ademais, ten un efecto dinamizador das vilas e cidades.

“Todas somos conscientes do efecto demoledor que provoca ver unha rúa convertida nunha sucesión de persianas pechadas e de locais baleiros e, por contra, o efecto positivo no económico e no social, de ter un comercio local vivo e dinámico”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón. De feito, e pese a última crise financeira que se levou por diante 3.500 comercios, en Galiza este sector representa o 13% do emprego e o 14% do PIB.

Para presentar a campaña, a portavoz nacional xunto coa portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, elixiron precisamente un comercio local no centro de Compostela, Merlín e Familia, exemplo do que significa comercio local: calidade, trato personalizado, produto coidado e diferenciado.

O BNG anima a comprar produto producido aquí e vendido e no comercio local todo o ano, pero especialmente nestas datas  e nestes tempos de pandemia, “e por iso con esta campaña queremos facer un chamamento a consumir produto galego e a facelo no comercio local, apostar polo noso”, recalcou Pontón, optando por comprar nos mercados, feiras e prazas de abastos, na tenda de barrio, na de toda a vida e nos máis innovadoras.

Ana Pontón e Goretti SanmartínAínda no contexto  COVID, son datas nas que o consumo medra porque é momento de agasallos, de comidas coa familia, -aínda dentro das limitacións-, e o BNG convida a apostar por poñer na mesa os produtos do país, de calidade extraordinaria, do mar e da terra, ou agasallar botando man da gran creatividade do país: artesanía, xoguetes, música, literatura, cine, moda, etc.

Ademais desta campaña de sensibilización, o Bloque propón un paquete de medidas concretas que teñan en conta a crise xerada pola pandemia e tamén os retos aos que ten que enfrontarse o pequeno e mediano comercio ante novos hábitos como a compra online, en auxe.

Pontón destacou as xudas directas con cargo aos orzamentos da Xunta para afrontar a caída de ingresos e tamén a través dunha fiscalidade xusta para o pequeno e mediano comercio e, neste sentido, a proposta de crear un novo imposto ás grandes superficies cuxa recadación se destine a axudar ao comercio local.

Igualmente, unha nova Lei de comercio que poña fin a liberalización promovida polo PP, unha lei pactada co sector que recolla as súas demandas en materia de horarios, apertura de festivos ou para fixar o período de rebaixas, cuestións todas que teñen un enorme impacto no éxito ou no fracaso do comercio local. E poñer en marcha unha plataforma galega de venda por internet, unha Amazon galega, con participación pública e privada para que o comercio e os produtores locais teñan unha plataforma propia para comercializar produtos de todos os ámbitos e sectores.

Non é posible darlle as costas a unha realidade que está aquí, -que aumentou durante o confinamento-, pero sen someterse ás normas que fixa unha multinacional global á que nada lle importa a viabilidade dunha tenda de barrio galega.

“Apostemos pola sustentabilidade, polo próximo, polo local porque tamén é a mellor maneira de contribuír todos e todas neste momento de crise apoiando un comercio de gran calidade”, concluíu Pontón.

Mudar o modelo de financiamento

A líder do Bloque tamén valorou as axudas á hostalería que considera “un parche”, insuficientes e tardías, fixo un chamamento ao Goberno de PSOE-Podemos porque aínda está a tempo de evitar que Galiza reciba menos investimentos que no último orzamento do Goberno de Rajoy, tras valorar que grazas ao BNG as contas de 2021 recollen a maior rebaixa da historia nas peaxes da AP9.

En relación ao debate fiscal, o BNG ten claro que Madrid leva moitos anos “dopada” polo efecto de capitalidade do Estado que, na práctica, a leva a actuar como “unha especie de paraíso fiscal”, indicou. Pero a clave está no actual modelo de financiamento que discrimina a Galiza facéndolle perder miles de millóns de euros cada ano e que está pendente de reforma desde 2014.

“É un modelo caducado e discriminatorio que non dota a Galiza do financiamento que precisa para facer fronte as súas necesidades, e hai que mudar ese marco para ter o control do 100% dos nosos ingresos e para pode aplicar unha fiscalidade xusta que nos permita fortalecer os servizos públicos ou para afrontar a reactivación económica”, argumentou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG