Parlamento Galego

O BNG pide axudas directas para os sectores afectados polos peches perimetrais e as restricións na provincia de Ourense

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas reclama no Parlamento que a Xunta articule xa medidas de apoio para as e os autónomos da hostalería, o comercio e o turismo

O BNG reclamou no Parlamento galego que a Xunta articule axudas directas para os sectores económicos máis afectados pola evolución epidemiolóxica na provincia de Ourense, nomeadamente nos concellos de Ourense e Barbadás, dado o peche temporal ou a redución drástica de ingresos en ámbitos como o hostaleiro, o comercial ou o turístico derivados dos peches perimetrais e o resto de restricións impostas pola COVID19.

A deputada por Ourense, Noa Presas, defendeu a proposición non de lei nacionalista na que lembrou a crítica situación que viven os autónomos e autónomas destes sectores nos concellos de Ourense, Barbadás, O Carballiño, Boborás, O Irixo, Verín, Oímbra e Vilardevós, afectados ben por peches perimetrais, ben por drásticas reducións da actividade, como limitacións nos aforos ou nos servizos en zonas interiores e en barra (no caso da hostalería) ou mesmo a restrición de todas as actividades non esenciais.

Presas advertiu que a situación na provincia prolóngase dende hai xa máis de 20 días, sen que o Goberno galego ofrecese “unha soa medida de apoio” e criticou que Galiza sexa o único territorio de todo o Estado no que non se habilitou unha orde de axudas directas para as e os traballadores por conta propia. “Hai autónomos e autónomas doutras comunidades que nesta nova fase da COVID están optando xa a segundas axudas e ferramentas e hai autónomos no noso país que aínda non tiveron a primeira oportunidade”, subliñou.

A deputada nacionalista asegurou que o plan de rescate de autónomos presentado pola Xunta non se adapta á realidade dos sectores afectados agora por peches perimetrais ou restricións dado que, pola súa formulación, só beneficia a actividades xa paralizadas dende hai 6 meses ou especialmente suspendidas, como o ocio nocturno. Ademais, alertou sobre a contía anunciada, un total de 70 millóns para un colectivo de 30.000 autónomos e 10.000 microempresas que, segundo explicou, resulta a todas luces insuficiente dado que suporía menos de 2.000 euros por beneficiaria. “Un paquete publicitario máis”, sentenciou.

Na defensa da iniciativa, que non prosperou polo veto do PP, Presas subliñou neste sentido que as axudas directas reclamadas polo BNG si darían cobertura á situación que están sufrindo agora fundamentalmente as e os hostaleiros ourensáns “e poderíanse extrapolar a outras cidades ou vilas do país”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG