Ante a incertidume xerada pola crise da Covid-19 e o seu impacto nas entidades locais, o BNG, a través do seu portavoz na FEGAMP, Secundino García, manifesta que a máxima representación do municipalismo galego debe contar “con máis autonomía” a respecto doutras federacións, atendendo á realidade específica galega.
Para o representante do BNG, as entidades locais deben poder exercer as súas competencias con cargo “aos remanentes ou superávit” e ampliar o endebedamento para afrontar os gastos. Neste sentido, a FEGAMP debe defender unha “postura inequívoca” á hora de reclamar “a derogación da Lei 2/2012 de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financieira” para afrontar os gastos e impedir que os fondos ou endebedamento dos concellos sexan utilizados por outras administracións “cargando sobre os municipios o custe de servizos que non lles corresponden e son inasumibles economicamente”. Neste sentido, amosa o “rexeitamento da incautación ou bloqueo de fondos municipais por parte do Estado”.
A xuízo do nacionalista, a FEGAMP debe expoñer un “posicionamento claro” a respecto das medidas económicas asumibles polos concellos galegos para saír da crise sanitaria e económica. O comité de expertos que asesoran á Xunta, explica Secundino García, trasladan a reordenación dos calendarios fiscais municipais , recomendación que debería ir acompañada de “medidas doutras administración” para garantir a liquidez das entidades locais porque “os concellos continúan atendendo obrigas como o canon de auga e a liquidacións de centros de día e escolas infantís”.
Para o portavoz do BNG na FEGAMP, resulta “imprescindible” dotar aos concellos de “estabilidade e fiabilidade nos ingresos” e propón que a Deputación de Ourense e a Xunta implementen “plans únicos de subvencións” semellantes aos postos en marcha polas Deputación da Coruña, Pontevedra e Lugo.
Parroquias como referencia para as franxas horarias
Asemade, a FEGAMP debe poñer enriba da mesa a necesidade de aplicar un “criterio interpretativo”, como o aplicado pola Delegación do Goberno en Asturias, que permite non aplicar as franxas horarias en función dos núcleos delimitados con poboación inferior a 5.000 habitantes. Polo tanto, e tendo en conta que as parroquias son unha división administrativa recoñecida no propio Estatuto de Autonomía, entendemos que se debería aplicar a “entidade poboacional colectiva da parroquia como referencia”, toda vez que a norma equipara concellos con núcleos de poboación atendendo á estrutura territorial doutras partes do Estado, que absolutamente nada teñen a ver coa realidade galega, recalca o nacionalista.
Facilitar o desprazamento de estudantes universitarios
O Real Decreto sobre o desprazamentos do estudantado que cursa estudos fóra do domicilio habitual e precisan recoller material para a preparación de exames nas universidades, impide a realización de desprazamentos, mesmo en fases nas que se permitise a mobilidade dentro das provincias. Esta medida para o portavoz do BNG na FEGAMP, “non solucionaría a situación en Galicia”, onde unha parte importante da poboación dos nosos concellos realizan os seus estudos noutras provincias. Cómpre urxir ao goberno do Estado a “autorizar os desprazamentos como necesarios para poder desenvolver os dereitos e os deberes do estudantado”.
Debe clarificarse publicamente, e ante a Xunta de Galicia, por parte da FEGAMP, os termos da colaboración por parte dos concellos nas tarefas do alumnado de educación infantil e primaria, porque a competencia é exclusivamente autonómica e o feito de trasladar certas obrigas aos concellos non responde a un acordo no marco da FEGAMP.
É preciso que as entidades locais teñan acceso a unha canle de comunicación directa sobre as medidas para o seu coñecemento e contraste. “Non é de recibo que os Concellos teñan acceso á normativa que deben aplicar tras ser publicada no diario correspondente con poucas horas de anticipo á entrada en vigor das mesmas”.
Secundino García apela a acadar “o máximo consenso dentro do municipalismo galego” e nesta liña, propón “unha reunión telemática” acordada no comezo do mandato da Executiva da FEGAMP.