A través dunha proposición non de lei, o portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) pediu explicacións á Xunta sobre a falta de funcionamento da Mesa do Leite e a conxelación do Banco de Terras.
A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo popular.
Na súa intervención, Rivas lembrou que en maio de 2009, Feixóo alertaba do risco da desaparición de 3.000 explotacións leiteiras e reclamaba un Plan Estratéxico do Estado. “No ano 2008 en Galiza había 13.182 explotacións, e 13 anos despois só quedan 6.400”. Por outro lado, dixo, no primeiro ano do goberno do Partido popular, “perdéronse 1.046 explotacións lácteas”.
Mini cualificou de “operación desbroce” as políticas do PP destinadas a rematar con todas as iniciativas do BNG para o medio rural durante o goberno bipartito ao que sumou “o non rotundo do PP ” á reunión da Mesa do Leite, ás agrupacións de xestión conxunta e ás mesas de negociación de prezos entre os elos da cadea alimentaria.
Agora, dixo, o goberno do PP pon valor todo o que noutros tempos negou e a última mostra témola coa propaganda dos Observatorios Lácteo e o Observatorio da Cadea Alimentaria e ata unha AICA galega. “Campaña de marketing e de protocolos, pero sen temón, capitán nin folla de ruta”.
Para o deputado, os 13 anos de goberno do PP deixan unha Galiza co 83% de dependencia dos insumos, menor marxe ante a maior intensividade, redución de emprego e maior abandono da actividade agrogandeira e sen relevo xeracional.
Por outro lado, criticou a eliminación do Observatorio Lácteo, a Mesa do Leite, o Grupo lácteo, o Banco de Terras, as explotacións sustentables e o Plan do Lobo.
Desde 2009, aseverou “perdemos 50.000Has de Superficie Agraria útil” e o PP mudou a traxectoria agrogandeira de Galiza por unha “cativa forestación, cativa en calidade, pero non en extensión”, negándose mesmo a cumprir a “moratoria do eucalipto”. Nas rematadas concentracións parcelarias estanse facendo novas plantacións desta especie sen que a Administración mova nada.
Sobre os incendios, o deputado lembrou que os lumes do 2.017 só motivaron unha remodelación do SPDCIF, pero nada vinculado á “ordenación en mosaico, aproveitamento racional do monte ou faixas de protección”.
No 2016, o PP inaugurou a “Lexislatura do Rural” e para xustificar “ese facer que non fan” xuntaron medidas xa tomadas e inefectivas en paquetes que chamaron Plans Estratéxicos, cando en realidade todo era “propaganda”.
Agora, enfatizou, toca reinventar “o que xa estaba inventado desde o tempo do único período de goberno do Rural que tivo Galiza” e publicitan coma grande novidade un Observatorio Lácteo, outro da carne, varias Mesas de Negociación e protocolos. Tamén anuncian un Plan de Xestión do lobo e outro do Xabaril e mesmo, unha lei de Recuperación da Terra Agraria.
Para que todas estas iniciativas sexan cribles, afirmou o nacionalista, son necesarias actuacións urxentes pero moito nos tememos que outra vez máis estamos ante unha “grande campaña de publicidade e sen medidas concretas”, concluíu.