BNG pedirá un pleno extraordinario para que Rueda aclare por que lle vai facer perder 4.010 M€ a Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón reclama ao presidente da Xunta que “non sexa covarde” e explique no Parlamento por que está disposto a traizoar os intereses dxs galegxs

Defende o dereito da cidadanía a saber por que o PP rexeita a quita da débeda do 33% negociada polo Bloque no acordo de investidura

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou desde Carballo que o BNG vai solicitar a convocatoria dun pleno urxente extraordinario para que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explique por que vai traizoar a Galiza rexeitando a quita da débeda de 4.000 millóns de euros negociada polo BNG no acordo de investidura.

“Ningún galego ou galega entende como é posible que, podendo reducir a débeda de Galiza nun 33%, o señor Rueda diga non, única e exclusivamente porque llo manda o señor Feijóo desde Madrid”, criticou Pontón, quen cualificou a posición do titular da Xunta como “unha traizón a Galiza” que debe ser explicada en sede parlamentaria.

Por iso, a líder nacionalista pediu a Rueda que “non sexa covarde” e acuda á Cámara a dar explicacións dunha actitude que só reflicte que, recalcou, “temos ao Goberno máis irresponsable e tamén ao máis antigalego da historia” e que traballa “en conta dos intereses de Galiza, única e exclusivamente para seguir as directrices que lle mandan desde a rúa Génova”.

Neste sentido, e en declaracións aos medios logo dunha visita á empresa Herfraga en Carballo, a portavoz nacional recordou que o BNG “xa fixo o traballo difícil, que era negociar unha quita da débeda de 4.000 millóns, o 33% da débeda de Galiza” e o PP só “ten que facer o traballo fácil, que é aceptala”.

“Pero vemos como o Partido Popular está traizoando a Galiza e como o señor Rueda está máis pendente do que lle manda o señor Feijóo desde Madrid que de defender os intereses deste País”, denunciou, para incidir na necesidade de que o xefe do Executivo responda a unha pregunta moi clara no Parlamento: “Vai aceptar a quita da débeda negociada polo BNG, si ou non?”, sintetizou.

Pontón insistiu en que a posición do PP é unha “irresponsabilidade e un sen sentido” e “vai en contra dos intereses” de Galiza e subliñou que o titular da Xunta “non pode seguir coa camiseta do Partido Popular”. “Ten que poñerse a traballar para defender os intereses dos galegos e das galegas, que son os que lle pagan o seu salario”, engadiu.

“Necesitamos un presidente que non instrumentalice a Xunta para seguir o ditado da estratexia do Partido Popular desde Madrid”, advertiu, para recalcar a continuación que a postura do PP non só representa “un absoluto desprezo á cidadanía deste País”, senón que, o máis grave, lle fai perder 4.000 millóns de euros.

A portavoz do BNG argumentou deste xeito a convocatoria dun pleno urxente e extraordinario no Parlamento para abordar unha cuestión de vital importancia para Galiza. “Pídolle ao señor Rueda que non sexa covarde, que acepte esta comparecencia e que veña a dar a cara ao Parlamento”, concluíu.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG