Entre as cuestións a debater, Rodil salientou a pregunta da portavoz nacionalista, Ana Pontón a Alfonso Rueda sobre as previsións do goberno galego para “defender o sector pesqueiro” e, concretamente, se vai pedir “a retirada do POEM” aprobado polo goberno español que permite a instalación de eólica mariña no mar galego en zonas de grande importancia pesqueira.
A parlamentaria lembrou que no día de onte, a portavoz nacional, Ana Pontón, xunto ao deputado en Madrid, Néstor Rego e a portavoz parlamentaria de pesca, Rosana Pérez, mantiveron un encontro con representantes do sector pesqueiro galego ante as ameazas e consecuencias da implantación de eólica mariña nas costas galegas.
O silencio da Xunta de Galiza neste asunto, recalcou Rodil, “é atronador”. Preguntámonos, dixo, se non é consciente do que pode acontecerlle a un sector estratéxico para Galiza con máis de 30 mil postos de traballo directos.
O Goberno español pretende instalar “o 43% da eólica mariña do estado no litoral galego e case a metade de todas as zonas de aproveitamento están en Galiza de acordo co POEM aprobado sen que houbese nin un só estudo ambiental ao respecto, nin moito menos de impacto socioeconómico.
No BNG insistimos na necesidade de implantar enerxías renovables e sobre todo, “transitar a unha economía libre de carbono”, pero non a costa de arrasar con todo: “co monte, coas serras e agora co mar do que viven milleiros de persoas e de familias neste país”, puntualizou.
Esta é unha cuestión central sobre a que a Xunta de Galiza non pode mirar para outro lado coma se non fora con ela o tema e por iso preguntaremos “se vai reclamar a retirada do POEM”.
Paralización dos vertidos tóxicos da Mina de San Finx a Ría de Muros-Noia
Na liña de defender a pesca e o marisqueo, dende o BNG levamos unha moción para abordar dúas cuestións fundamentalmente: “a paralización dos vertidos procedentes da Mina de San Finx autorizados pola Xunta de Galiza sen sequera avaliación do impacto ambiental e a avaliación das causas da baixa salinidade detectada nas rías galegas que está a causar a baixada da produción nos bancos marisqueiros e regulación do desaugado e limpeza dos encoros que evite prexuízos sobre as rías e, sobre todo, impoña sancións cando as empresas eléctricas sexan responsables da afectación destes espazos de produción marisqueira dos que viven milleiros de familias en Galiza”.
Sobre os vertidos tóxicos da Mina de Wolframio de San Finx, explicou que alcanzan a cifra dun millón e medio de m3 de auga contaminada, (sendo un m³ 1.000 litros), imaxinen, dixo, o que é un millón e medio que serán vertidos a 7 quilómetros dos bancos marisqueiros da Ría de Muros-Noia e do espazo Rede Natura 2000 do Esteiro do Tambre.
A autorización da Xunta debe ser paralizada como reclama a comarca e tamén o Pleno municipal do Concello de Noia como mínimo, “até contar cun informe de impacto ambiental que é obrigatorio por lei”.
A CRTVG ten que cesar a súa escalada contra os traballadores e traballadoras
Finalmente, o BNG tamén levará ao pleno a situación “límite” dos traballadores e traballadoras da CRTVG cunha “política abusiva” da direccións e coa sistemática “vulneración dos seus dereitos laborais”.
Os próximos 24 e 25 de marzo os traballadores/as volven convocar folga (houbo unha xa o pasado día 6) fronte a un clima laboral “irrespirable e insoportable” nos medios públicos. A CRTVG, recalcou Rodil é unha empresa pública, “financiada con máis de 100 millóns de euros públicos” e cun director xeral posto a dedo polo PP en 2009 que segue no cargo en contra do que di a lei desde hai máis de dez anos.
Na comparecencia tras a Xunta de portavoces, Olalla Rodil leu un parágrafo do comunicado emitido polo Colexio de Xornalista de Galiza no que expresa a súa “preocupación polo deterioro das relacións laborais que se están a producir na Corporación Radiotelevisión de Galiza. No ultimo mes, foron múltiples as queixas e solicitudes de ampara que chegaron a este colexio sobre traslados forzosos e inmediatos de persoal entre os diferentes postos de redacción da corporación. A isto sumouse a semana pasada o anuncio dunha limitación para a celebración de asembleas do persoal nas instalacións da CRTVG”.
“É inadmisible o que está acontecendo e a conivencia e amparo, que o Partido Popular está a dar a prácticas abusivas, condenadas xudicialmente por violar dereitos fundamentais dos traballadores”. Impídenlles até reunise no centro de traballo para ter un asemblea e, por suposto, negándolles dereitos como o Estatuto profesional e o Consello de informativos só para continuar a utilizar os medios públicos como “correa de transmisión e terminal de propaganda do PP.” Se isto pasase en Catalunya ou TeleMadrid, “ardía Troia”, sentenciou a nacionalista.
No BNG non imos mirar para outro lado e “pedímoslle á dirección da CRTVG que cese nesta escalada e poña fin a esa política abusiva na CRTVG e que o Partido Popular deixe de amparar unha dirección que actúa desta maneira, sen pudor”, concluíu.